Ao longo da historia a figura da meiga ou bruxa estivo asociada con aquelas
mulleres libres que transgredían os roles tradicionais de xénero, e que non se
conformaban con representar o papel de submisas, abnegadas e obedientes que a
sociedade lles asignaba.
A asociación entre esta figura e o pecado ou a malignidade consolidaríase
entre os séculos XVI e XVIII, e daría lugar a unha dramática persecución e
represión contra as mulleres (centenares delas foron torturadas ou queimadas
vivas ante a acusación de bruxería). As últimas execucións de bruxas son de
1782 (coa condena a morte da Ana Göldi), sete anos antes de que estalara a
Revolución Francesa que marcaría o inicio da nosa era. Como exemplo gráfico
desta aberración recollemos as palabras de Mona Chollet da súa obra: Bruxas.
A forza invencible das mulleres (2020):
“Un obstáculo
fundamental no camiño a atopar unha explicación reside no feito de que as
acusacións contra as bruxas foran tan grotescas e incribles que non poidan ser
comparadas con ningún outro motivo de crime. Como dar conta do feito de que
durante máis de dous séculos en distintos países europeos, centos e centos
de mulleres foron xulgadas, torturadas, queimadas vivas ou colgadas,
acusadas de ter vendido o seu corpo e alma ao Demo e, por medios máxicos (...) causado
a morte dos seus veciños, destruíndo gandos e cultivos, levantando tormentas e
realizando unha cantidade maior de abominacións?
Desde o Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade” queremos
facer unha homenaxe a todas estas mulleres, e pensamos que non é desacertado
afirmar que todas somos bruxas!