venres, 31 de outubro de 2025

Francisco Castro Veloso visitaranos en marzo no Día da Poesía!

 


Na conmemoración do Día da Poesía en Sarria (dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rei) teremos este ano a sorte de contar coa presenza do escritor e cantautor Francisco Castro Veloso. Nalgunhas das súas actuacións, este home imprescincible para as nosas letras, pon voz aos poemas máis emblemáticos da cultura galega, achegando a poesía a moitos recunchos da nosa terra e a todas as xeracións.

Estamos nun tempo moi necesitado de boa música como a de Francisco e de poesía, así como de que se poña en valor a lingua do noso pobo, que esmorece velozmente ante a impasividade de moitas institucións culturais. Trunfan as mentalidades que menosprezan e negan a importancia do idioma galego como soporte das nosas tradicións e da nosa idiosincrasia, cuestionando a utilidade da súa conservación en beneficio do progreso técnico e da ultramecanización da sociedade, que supostamente poden facilitar as nosas vidas.

Porén, seguimos na Idade Contemporánea nun camiño errado, e nos centros escolares debemos contribuír a destruír a proxección destas mentalidades que favorecen a tendencia á deshumanización do sistema educativo. Hoxe en día, existe unha liña pedagóxica que defende sen pudor que deben prevalecer aquelas materias que semellan ter unha utilidade práctica inmediata, fronte ás aprendizaxes “inútiles” vinculadas á literatura, á filosofía, ás artes, á historia ou ás ciencias sociais.

Sen pretender divagar sobre os efectos tremendamente negativos de descoñecer os erros do pasado e as reflexións e consellos dos homes e mulleres poetas, literatos, filósofos ou historiadores que transitaron e transitan pola nosa civilización, queremos subliñar como docentes que son estas aprendizaxes humanísticas as que fornecen o espírito crítico e a liberdade das conciencias, as que nacen das emocións e dos sentimentos dos pobos, é dicir, de todo aquilo que non poden facer as máquinas.

Moitísimas grazas a Francisco Castro por achegarse a Sarria e por esa importante labor cultural que está a facer pola nosa xeografía, en beneficio de todos e todas nós. Deixamos neste enlace unha das súas actuacións para ir abrindo boca até o 18 de marzo!:

https://www.youtube.com/watch?v=1jd2Qz6zOEo


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...