Os/as participantes
no Plan Proxecta “Donas de si” 2025/26 subliñamos a necesidade de fomentar
entre o alumnado os valores de tolerancia e respecto cara toda a diversidade
afectivo-sexual. Con este obxectivo, nalgúns cursos estamos a traballar cos materiais
pedagóxicos editados pola Consellería de Política Social e Igualdade titulados
“Decálogo pola igualdade LGBTI”.
Estes materiais
están orientados a contribuír a que os institutos sexan un espazo inclusivo, no
que todas as persoas se sintan seguras e respectadas. Así mesmo, búscase
promover unha educación baseada nos dereitos humanos e na igualdade,
contribuíndo á eliminación de estereotipos, prexuízos e actitudes
discriminatorias.
Entre outras
cuestións, tratamos aspectos como o afrontamento de conflitos nas relacións
humanas, o papel das familias -que tal como se indica nestas unidades
didácticas “son o primeiro espazo de aprendizaxe das crianzas, no que comezan a
desenvolver a súa identidade e a establecer os valores que as guiarán ao longo
da súa vida”- ou como abordar a diversidade desde a transversalidade.
Outra das liñas de
actuación deste proxecto consistirá na integración transversal destes contidos nalgunhas
materias. Deste xeito, promoverase a inclusión de referentes históricos do
colectivo LGBTI, contribuíndo a visibilizar a diversidade ao longo do tempo e
en diferentes contextos.