luns, 18 de maio de 2026

Defendendo a diversidade!

 




Os/as participantes no Plan Proxecta “Donas de si” 2025/26 subliñamos a necesidade de fomentar entre o alumnado os valores de tolerancia e respecto cara toda a diversidade afectivo-sexual. Con este obxectivo, nalgúns cursos estamos a traballar cos materiais pedagóxicos editados pola Consellería de Política Social e Igualdade titulados “Decálogo pola igualdade LGBTI”.

Estes materiais están orientados a contribuír a que os institutos sexan un espazo inclusivo, no que todas as persoas se sintan seguras e respectadas. Así mesmo, búscase promover unha educación baseada nos dereitos humanos e na igualdade, contribuíndo á eliminación de estereotipos, prexuízos e actitudes discriminatorias.

Entre outras cuestións, tratamos aspectos como o afrontamento de conflitos nas relacións humanas, o papel das familias -que tal como se indica nestas unidades didácticas “son o primeiro espazo de aprendizaxe das crianzas, no que comezan a desenvolver a súa identidade e a establecer os valores que as guiarán ao longo da súa vida”- ou como abordar a diversidade desde a transversalidade.

Outra das liñas de actuación deste proxecto consistirá na integración transversal destes contidos nalgunhas materias. Deste xeito, promoverase a inclusión de referentes históricos do colectivo LGBTI, contribuíndo a visibilizar a diversidade ao longo do tempo e en diferentes contextos.

venres, 17 de abril de 2026

Seguimos a traballar no fomento da igualdade de xénero!

 





No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025-26, traballamos tamén no camiño da reconstrución da historia das mulleres con actividades que parten da bibliografía máis recente neste campo, como son as obras Feminismos. A historia cóntana as vencedoras (2019), de Anna R. Figueiredo; Os homes explícanme cousas (2019), de Rebecca Solnit  e Bruxas. A forza invencible das mulleres, de Mona Chollet. Todas elas foron enviadas polas organizadoras deste programa educativo.

Do contido destes libros, destacamos catro pequenos textos que inspiran á reflexión sobre a gran dimensión dos agravios que afectaron ás mulleres na historia en todos os ámbitos sociais, así como sobre a importancia da mobilización feminista na cimentación dos chanzos cara a igualdade de xénero:

 

“A palabra bruxa fora a peor das marcas da infamia, a imputación mentireira que supuxera a tortura e a morte de ducias de miles de mulleres. Na conciencia colectiva, as cazas de bruxas que se produciron en Europa, principalmente nos séculos XVI e XVII, ocupan un lugar estraño. Os procesos de bruxería fundamentábanse en acusacións extravagantes (...) que parecen arrastralas cara á esfera da irrealidade, arrincándoas do seu enraizamento histórico.”

           Chollet, Mona. Bruxas. A forza invencible das mulleres. A Coruña: Hércules Ediciones, 2020, p.16.

 


“Na actualidade estamos afeitas a recibir información sobre todo tipo de eleccións, sexan de ámbitos tan abstractos e amplos como o Parlamento europeo ou tan concretos como á delegada da clase. En ningún momento das nosas vidas se nos pasa pola cabeza que as campañas electorais, que os programas electorais, vaian dirixidos a un único grupo de persoas”.

   Figueiredo, Anna R. Feminismos. A historia cóntana as vencedoras. Vigo: Galaxia, 2019, p. 39.

 

“O movemento feminista de segunda onda queda indiscutiblemente marcado pola procura do sufraxio das mulleres. Atendendo á definición que nos dá a RAG, sufraxio é o procedemento mediante o cal unha persoa expresa a súa vontade, en especial sobre unha cuestión política, e xeralmente por medio do voto”.

               Figueiredo, Anna R. Feminismos. A historia cóntana as vencedoras. Vigo: Galaxia, 2019, p. 39.

 

“As revolucións están feitas na súa meirande, de ideas (..). Os cambios prácticos prodúcense tras as mudanzas no corazón e na mentalidade. Ás veces os cambios legais, políticos, económicos e ambientais veñen tras eses trocos, pero non sempre, pois importa saber onde reside o poder”.

           Solnit, Rebecca. Os homes explícanme cousas. A Coruña: Hércules de Ediciones, 2019, p. 129.

 

Así mesmo, estamos a realizar algunhas das actividades vinculadas ás unidades didácticas: “María Wonenburger: Unha científica adiantada ao seu tempo”, elaborada por María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, e a realizada por Montse Pena Presas sobre a obra Feminismos. A historia cóntana as vencedoras de Anna Figueiredo. Neste sentido, a partir da figura de María Wonenburguer e doutras mulleres destacadas na historia, reflexionamos sobre como as deficiencias na educación feminina e os atrancos cos que se atopaban estas para participar tanto nas redes de investigación científica e técnica como noutros espazos culturais como os literarios e artísticos, deron lugar á perda dun potencial de creación infinito imposible de restaurar.

De igual xeito, subliñamos a necesidade de dar visibilidade ao feito de que, malia que existiron estas grandes barreiras, as mulleres tiveron unha participación social activa no devir da historia e nos seus principais acontecementos. A este respecto, como se observa nesta última unidade didáctica, a mobilización feminista sería fundamental na consecución das transformacións lexislativas que se deron na Idade Contemporánea, así como na paulatina mudanza das mentalidades.

luns, 23 de marzo de 2026

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centros escolares da comarca participaron neste evento, e cada un deles organizou a lectura ou representación de poemas de diversos autores galegos, cun leitmotiv común: “O monte”.

Entre os autores, non faltou o poeta máis representativo desta comarca: Fiz Vergara Vilariño, así como a poeta e feminista Rosalía de Castro.

Así mesmo, dúas grandes figuras da literatura e da música galega contemporánea estiveron presentes neste acto: Xurxo Souto (como presentador) e Francisco Castro, que musicou e puxo voz a algúns dos poemas máis emblemáticos da nosa cultura.












domingo, 8 de marzo de 2026

Hoxe, 8 de Marzo, aprendemos un pouco máis da traxectoria de Mercedes Vázquez Saavedra

 

Hoxe, 8 de marzo, aprendemos un pouco máis dos traballos de Mercedes Vázquez Saavedra, a sarriá que inmortaliza coa súa cámara o noso patrimonio inmaterial.

O día 5 marzo gozamos no noso instituto da presenza de Mercedes Vázquez Saavedra, unha muller de gran relevancia na documentación do patrimonio inmaterial da nosa terra, constituíndo os seus traballos un importante legado histórico para a cultura galega. Foi entrevistada na radio do noso instituto, Radio Bolboreta, por algúns dos nos nosos alumnos e alumnas.

Mercedes Vázquez Saavedra, nacida en Sarria no ano 1949, é unha fotógrafa, escritora, etnógrafa e documentalista. Ademais de traballar como profesora e na Administración Pública, Mercedes foi unha emprendedora pioneira nunha época na que as mulleres tiñan aínda moitos atrancos no ámbito laboral. Ocuparíase da parte creativa dunha empresa familiar, que compaxinaría coa súa paixón pola fotografía e a escritura.

Dentro destes campos, centrou especialmente o seu interese na fotografía etnográfica, e a través da súa cámara, soubo captar non só imaxes, senón tamén memorias, identidades e formas de vida en risco de desaparecer. O seu traballo constitúe un valioso testemuño visual do patrimonio cultural, convertendo a fotografía nunha ferramenta de investigación, conservación e dignificación das comunidades retratadas.

Como fotógrafa especializouse no retrato das mulleres da raia entre Galicia, Castela e León e Portugal, coñecidas como arraianas. Así mesmo, son moi afamados os seus traballos documentando e impulsando os entroidos e a conservación da etnografía local vinculada a estas festividades.

Entre as súas publicacións atopamos os libros “Guía da Ribeira Sacra”; “Pobra de Brollón”; “María Mariño; do mar de Noia á Serra do Courel” ou “Ramón Piñeiro do val de Láncara a Compostela”. Tamén recibiu diversos recoñecementos públicos, como foi o caso do seu nomeamento como Arraiana Maior en 2021 ou o Premio Mestra da Memoria, outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en 2023.

Na actualidade, está a levarse unha exposición súa sobre fotografías femininas, titulada “Mulleres”, por todos os recunchos da xeografía da nosa terra. Aquí vos deixamos unha mostra dos seus traballos.

Foi un pracer para o IES Gregorio Fernández contar coa presenza desta gran figura da nosa cultura! Aquí deixamos algunhas das súas fermosas fotografías.








 
















venres, 6 de marzo de 2026

Educarse para construír sociedades máis humanas, solidarias e igualitarias!

 

Onte o IES Gregorio Fernández recibiu a visita da fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra, co obxecto de inaugurar unha nova instalación de vinilos na outra escaleira do edificio principal do centro, titulándose esta escada: “Amar as letras. Amar os números. Amar a vida”. As letras que titulan a escaleira son da autoría do escritor e músico Francisco Castro e foron creadas orixinalmente para este proxecto.

A través dos seus chanzos e coincidindo co 50 aniversario do centro, o IES Gregorio Fernández  pretende subliñar a importancia que ten a educación no enriquecemento persoal e social, e motivar así o noso alumnado para que valore a aprendizaxe como un proceso imprescindible para formarse como persoas que contribúan á creación de sociedades tolerantes, solidarias, igualitarias e humanas.

Os lemas foron escollidos entre as palabras achegadas por integrantes de toda a comunidade educativa. Estes son os seguintes: Máis educación, menos conflitos (de Andrea Hermida); Aprender a nosa lingua fainos máis libres (de Mª Luz Núñez); A educación, escaleira para acadar os teus soños (de Jesús Mejuto); A cultura é o fusil dos sensatos (de María Blanca Arza); Só a educación abre as portas da igualdade (de María Pilar Saavedra); Aprender é medrar libre (de María Luz García); A educación é o piar dunha sociedade (de Geni Valcárcel, concelleira de Sarria); Fórmate, entenderás a vida (de Isabel Rodríguez); A educación, un feixe de luz! (de Elena Corujo); e O coñecemento é poder! (de María Josefa García).

Así mesmo, Mercedes Vázquez inaugurou varios paneis que promoven a igualdade de xénero, titulados “Feminismo para escépticos” e elaborados para o Plan Proxecta+ “Donas de si” en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega. Estes paneis están ilustrados con algunhas imaxes desta fotógrafa, que ten unha longa traxectoria inmortalizando a mulleres galegas ou portuguesas (especialemnte as “arraianas”), constituíndo os seus traballos un importante legado para a cultura galega.

Estes paneis foron instalados no vestíbulo do edificio principal. Entre outras cuestións, recollen os resultados dunha indagación elaborada polo noso alumnado arredor da percepción que existe na contorna de Sarria sobre o significado do “feminismo” e sobre a importancia deste movemento. Entre as conclusións deste estudo, observamos que só un 40% das enquisadas e un 30% dos enquisados defínense como feministas. Así mesmo, un 50% das mulleres e un 70% dos homes opina que o feminismo discrimina os varóns, e nun 40% das respostas femininas e nun 65% das masculinas afírmase que na actualidade son as mulleres as que teñen máis dereitos.

Á par disto, explícase nestes paneis que o termo feminismo deriva do latín femĭna (‘muller’) e, combinado co sufixo -ismo, fai referencia a unha doutrina ou movemento social orientado a acadar a plena equidade de xénero. Así, a súa orixe non está vinculada á crenza nunha suposta superioridade feminina nin a un menosprezo cara aos homes ou á natureza da masculinidade. A orixe desta palabra remóntase ao século XIX, cando foi empregada por aquelas persoas que, de maneira valente e moi arriscada —expostas a duros castigos físicos, penais, ou morais—iniciaron loitas públicas contra a exclusión das mulleres dos novos conceptos de “democracia” ou “igualdade ante a lei” que enunciaban os nacentes sistemas liberais.

Estas reivindicacións feministas da Idade Contemporánea (sostidas durante dous séculos), sumadas ás loitas de outros homes e mulleres nas distintas etapas da Historia desde hai máis de dous mil anos, fixeron posible as conquistas legais que temos hoxe en día, castigándose penalmente a discriminación ou a violencia contra as mulleres en calquera espazo público ou privado.

Finalmente, Mercedes Vázquez foi entrevistada na radio escolar do centro, Radio Bolboreta, como unha actividade conxunta entre o Plan Proxecta+ "Donas de si" e o Programa Innova-lab (Mat-lab) no que tamén particicipamos. Este é un proxecto interdisciplinar no que se conxugan as Matemáticas, a Historia, as Ciencias Sociais e o mundo empresarial, co obxecto de abordar diversas perspectivas arredor do concepto de infinito.

Neste entrevista, o alumnado participante fixo ficapé na figura de Mercedes Vázquez Saavedra como muller empresaria pioneira en Sarria, cun negocio téxtil que abría as súas portas hai 50 anos e que constitiu un referente neste sector en toda a comarca.

https://open.spotify.com/episode/6S2ZLdKaalbQHtTs7vGqb6?si=xQWvpL6ETH6JkSE8nnenCg




https://sarriaxa.com/news/o-ies-gregorio-fernandez-inaugura-unha-escaleira-educativa-e-paneis-de-igualdade-da-man-de-mercedes-vazquez/117459/





















luns, 23 de febreiro de 2026

Rosa-lía, de novo damos a chapa coa nosa poeta máis afamada!

 


O Departamento de Lingua Galega (participante no Plan Proxecta+ “Donas de si”) realizou, co obxecto de conmemorar o día dedicado a Rosalía de Castro, unhas orixinais chapas que xogan co nome desta escritora. Parabéns polo traballo realizado!


venres, 20 de febreiro de 2026

Conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, muller adiantada ao seu tempo!

 


No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si”, en colaboración co Equipo de Dinamiación da Lingua Galega, convocamos o concurso titulado “Tunea a Rosalía” (co gallo da celebración do día dedicado a esta autora, o 23 de febreiro), no que o alumnado elaborou diferentes ilustracións ou representacións do rostro de Rosalía empregando unha técnica de libre elección.

Hoxe instalamos no vestíbulo do edificio 100 unha mostra destes traballos, cos que homenaxeamos a unha muller clave na loita feminista, así como varios carteis que anuncian a próxima conmemoración do 8 de marzo (para o que xa temos preparadas diversas sorpresas).

Queremos lembrar que esta figura fundamental da cultura da nosa terra rachou, tanto na súa vida como na súa obra, co paradigma de muller “ideal” submisa e abnegada propio da súa época. Nun contexto histórico no que as mulleres estaban relegadas a un papel de submisión á vontade dos varóns en todos os ámbitos públicos e privados, Rosalía participou activamente nos círculos intelectuais e políticos, intervindo nos debates culturais e sociais do seu tempo.

Na súa traxectoria vital defendeu a independencia das mulleres e que estas expresasen libremente as súas inquedanzas. Así mesmo, cuestionou os estereotipos de xénero tradicionais e denunciou as inxustizas que afectaban á nosa terra. É así un exemplo de coraxe e valentía, que hoxe en día continúa a inspirar as novas xeracións na defensa da emancipación das mulleres e na loita contra as aldraxes e inxustizas que padecen.

































Defendendo a diversidade!

  Os/as participantes no Plan Proxecta “Donas de si” 2025/26 subliñamos a necesidade de fomentar entre o alumnado os valores de tolerancia e...