Hoxe, 8 de marzo, aprendemos un pouco máis dos traballos de Mercedes
Vázquez Saavedra, a sarriá que inmortaliza coa súa cámara o noso patrimonio
inmaterial.
O día 5 marzo gozamos no noso instituto da presenza de Mercedes Vázquez
Saavedra, unha muller de gran relevancia na documentación do patrimonio
inmaterial da nosa terra, constituíndo os seus traballos un importante legado
histórico para a cultura galega. Foi entrevistada na radio do noso instituto,
Radio Bolboreta, por algúns dos nos nosos alumnos e alumnas.
Mercedes Vázquez Saavedra, nacida en Sarria no ano 1949, é unha fotógrafa,
escritora, etnógrafa e documentalista. Ademais de traballar como profesora e na
Administración Pública, Mercedes foi unha emprendedora pioneira nunha época na
que as mulleres tiñan aínda moitos atrancos no ámbito laboral. Ocuparíase da
parte creativa dunha empresa familiar, que compaxinaría coa súa paixón pola
fotografía e a escritura.
Dentro destes campos, centrou especialmente o seu interese na fotografía
etnográfica, e a través da súa cámara, soubo captar non só imaxes, senón tamén
memorias, identidades e formas de vida en risco de desaparecer. O seu traballo
constitúe un valioso testemuño visual do patrimonio cultural, convertendo a
fotografía nunha ferramenta de investigación, conservación e dignificación das
comunidades retratadas.
Como fotógrafa especializouse no retrato das mulleres da raia entre
Galicia, Castela e León e Portugal, coñecidas como arraianas. Así mesmo, son
moi afamados os seus traballos documentando e impulsando os entroidos e a
conservación da etnografía local vinculada a estas festividades.
Entre as súas publicacións atopamos os libros “Guía da Ribeira Sacra”;
“Pobra de Brollón”; “María Mariño; do mar de Noia á Serra do Courel” ou
“Ramón Piñeiro do val de Láncara a Compostela”. Tamén recibiu diversos
recoñecementos públicos, como foi o caso do seu nomeamento como Arraiana Maior
en 2021 ou o Premio Mestra da Memoria, outorgado pola Asociación de Escritoras
e Escritores en Lingua Galega (AELG), en 2023.
Na actualidade, está a levarse unha exposición súa sobre fotografías
femininas, titulada “Mulleres”, por todos os recunchos da xeografía da nosa
terra. Aquí vos deixamos unha mostra dos seus traballos.
Foi un pracer para o IES Gregorio Fernández contar coa presenza desta gran
figura da nosa cultura! Aquí deixamos algunhas das súas fermosas fotografías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario