No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025-26,
traballamos tamén no camiño da reconstrución da historia das mulleres con
actividades que parten da bibliografía máis recente neste campo, como son as
obras Feminismos. A historia cóntana as vencedoras (2019), de
Anna R. Figueiredo; Os homes explícanme cousas (2019), de Rebecca
Solnit e Bruxas. A forza invencible das mulleres, de Mona Chollet. Todas elas foron enviadas polas
organizadoras deste programa educativo.
Do contido destes
libros, destacamos catro pequenos textos que inspiran á reflexión sobre a gran
dimensión dos agravios e a aldraxe que afectaron ás mulleres na historia en
todos os ámbitos sociais, así como sobre a importancia da mobilización
feminista na cimentación dos chanzos cara a igualdade de xénero:
“A palabra bruxa fora a peor das marcas da infamia, a
imputación mentireira que supuxera a tortura e a morte de ducias de miles de
mulleres. Na conciencia colectiva, as cazas de bruxas que se produciron en
Europa, principalmente nos séculos XVI e XVII, ocupan un lugar estraño. Os
procesos de bruxería fundamentábanse en acusacións extravagantes (...) que
parecen arrastralas cara á esfera da irrealidade, arrincándoas do seu
enraizamento histórico.”
Chollet, Mona. Bruxas. A forza invencible das mulleres.
A Coruña: Hércules Ediciones, 2020, p.16.
“Na
actualidade estamos afeitas a recibir información sobre todo tipo de eleccións,
sexan de ámbitos tan abstractos e amplos como o Parlamento europeo ou tan
concretos como á delegada da clase. En ningún momento das nosas vidas se nos
pasa pola cabeza que as campañas electorais, que os programas electorais, vaian
dirixidos a un único grupo de persoas”.
Figueiredo, Anna R. Feminismos. A historia cóntana as
vencedoras. Vigo: Galaxia, 2019, p. 39.
“O
movemento feminista de segunda onda queda indiscutiblemente marcado pola
procura do sufraxio das mulleres. Atendendo á definición que nos dá a RAG,
sufraxio é o procedemento mediante o cal unha persoa expresa a súa vontade, en
especial sobre unha cuestión política, e xeralmente por medio do voto”.
Figueiredo, Anna R. Feminismos. A historia cóntana as
vencedoras. Vigo: Galaxia, 2019, p. 39.
“As revolucións están feitas na súa meirande, de ideas
(..). Os cambios prácticos prodúcense tras as mudanzas no corazón e na
mentalidade. Ás veces os cambios legais, políticos, económicos e ambientais
veñen tras eses trocos, pero non sempre, pois importa saber onde reside o
poder”.
Solnit, Rebecca. Os
homes explícanme cousas. A Coruña: Hércules de Ediciones, 2019, p. 129.
Así mesmo, estamos
a realizar algunhas das actividades vinculadas ás unidades didácticas: “María Wonenburger: Unha científica adiantada ao seu tempo”, elaborada por María
José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, e a realizada por Montse Pena Presas sobre a obra Feminismos.
A historia cóntana as vencedoras de Anna Figueiredo. Neste sentido, a partir
da figura de María Wonenburguer e doutras mulleres destacadas na historia, reflexionamos
sobre como as deficiencias na educación feminina e os atrancos cos que se
atopaban estas para participar tanto nas redes de investigación científica e
técnica como noutros espazos culturais como os literarios e artísticos, deron
lugar á perda dun potencial de creación infinito imposible de restaurar.
De igual xeito, subliñamos
a necesidade de dar visibilidade ao feito de que, malia que existiron estas
grandes barreiras, as mulleres tiveron unha participación social activa no
devir da historia e nos seus principais acontecementos. A este respecto, como
se observa nesta última unidade didáctica, a mobilización feminista sería
fundamental na consecución das transformacións lexislativas que se deron na
Idade Contemporánea, así como na paulatina mudanza das mentalidades.