xoves, 13 de novembro de 2025

No IES Gregorio Fernández sumámonos á loita contra a violencia de xénero!

 


Hoxe tivemos a sorte de contar no noso instituto coa presenza de tres xuíces/as e maxistrados/as galegos: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e maxistrada Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3 de Lugo, e Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A charla-coloquio foi presentada pola directora do centro Ana Isabel López Valín, e interviñeron tamén a responsable de Dinamización da Lingua Galega María Elena Corujo Pereiro e a edil de Sarria Mª Eugenia Valcárcel López. Esta conferencia e outras actuacións realizadas arredor do 25 N (como o concurso de carteis cos frases alusivas á loita contra a violencia de xénero) forman parte das actividades levadas a cabo para o Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade (Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e coordinado no IES Gregorio Fernández pola profesora Isabel Rodríguez Mate.

Estes tres maxistrados/as impartiron unha interesante charla sobre diversos aspectos históricos, legais ou sociais da violencia de xénero, así como sobre os bulos que se difunden na actualidade arredor das lexislacións que se fundamentan na “discriminación positiva” para protexer ás mulleres fronte a esta lacra. Entre eles, fíxose fincapé na falsa idea, moi presente nas redes sociais, de que na actualidade son os homes os discriminados nas leis ou de que existe un emprego malintencionado ou abusivo por parte das mulleres da actual penalización da violenica de xénero.

Estes tres xuíces/as, explicaron ao noso alumnado como o castigo da violencia de xénero e moitos outros dereitos das mulleres percorreron na historia un camiño extremadamente lento, e que debemos de actuar de iure e de facto ante os dramáticos efectos da inercia do gran arraigamento histórico do patriarcado e da longa perpetuación dos estereotipos sexistas (representando a violencia cara a mulleres a súa cara máis aberrante). Tal como apuntou Luís Villares, a verdadeira xustiza consiste en tratar “igual” ao que é “igual” e “diferente” ao que é “diferente”.

Así, desde que temos rexistradas as primeiras obras legais escritas no noso territorio (hai arredor de 2000 anos aproximadamente baixo a dominación romana) ata o século XX, as mulleres estarían discriminadas en numerosos ámbitos públicos e privados, permanecendo toda a vida tuteladas polos seus pais ou esposos (que decidían por elas desde os asuntos económicos ou políticos até os aspectos máis cotiáns), e carecendo dos dereitos humanos máis básicos.

Unha das discriminacións xurídicas máis aberrantes sería o tipo penal coñecido como “uxoricidio por causa de honor”, do latín uxor (esposa) e cida (matar), que existiu en Galicia sen interrupción (baixo diversas denominacións) desde a etapa de dominación romana até a II República (1931) e que sería reintroducido na ditadura franquista até 1963. Nel estipulábase que se un home asasinaba á súa esposa por acometer adulterio ou realizar condutas “deshonrosas” non recibiría pena de cadea, porque entraba dentro dos actos vinculados á protección legal da “honorabilidade” dos varóns.

Na actualidade, debemos lembrar que a ONU a define a “violencia de xénero” coas seguintes palabras:

“Actos ferintes dirixidos contra unha persoa ou grupo de persoas en razón do seu xénero. Ten a súa orixe na desigualdade de xénero, o abuso de poder e a existencia de normas discriminatorias. O termo utilízase principalmente para subliñar o feito de que as diferenzas estruturais de poder baseadas no xénero colocan ás mulleres e nenas en situación de risco fronte a múltiples formas de violencia”.

Esta violencia segue a cobrarse a día de hoxe numerosas vítimas mortais, e supón a cara máis dura das poutas do sexismo que aínda colean na actualidade. No Etado español, a primeira Lei Integral contra a Violencia de Xénero data do ano 2004. En 2007 incorporaríase a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de Xénero. Nela enténdese por este concepto:

“Calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou que poda ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción e privación arbitraria da liberdade, tanto se acontecen no ámbito público como na vida familiar ou persoal”.

Nas enquisas feitas polo noso alumnado da ESPA (das promocións comprendidas entre o 2022 e 2025) relativas ao grao de coñecemento do significado da violencia de xénero pola poboación da contorna de Sarria, puidemos observar que existe aínda un importante descoñecemento tanto das diferenzas entre o “xénero” (construción social sobre os roles, comportamento ou características relativas ao feito de ser muller ou home) e o “sexo” (características biolóxicas das mulleres ou homes), como de que o maltrato cara as mulleres pode ir moito máis aló do dano físico. En conxunto (sen ter en conta todas as variables que se analizaron) só un 25% dos homes e un 30% das mulleres coñecen o significado aproximado da violencia de xénero ou algunhas das mudanzas que se deron nas leis nos últimos anos. Por franxas de idade, a poboación que semella ter máis coñecemento sobre esta cuestión é a comprendida no caso dos varóns entre os 18 e os 35 anos e acontece de maneira similar no tocante ás mulleres.

Así mesmo, os tres xuices/as e maxistrados/as galegos que visitaron hoxe o IES Gregorio Fernández inauguraron a nosa “escaleira da igualdade”, na que nos seus chanzos inscríbense lemas relativos á loita pola igualdade de xénero e chamadas ao empoderamento feminino, escollidos entre os aportados por toda a comunidade educativa.

Os lemas que se incluiron nesta escaleira son os seguintes: unha sociedade democrática debe ser feminista; A igualdade constrúese entre tod@s; O respecto non ten xénero; Diferentes, si. Desiguais, non; Muller ou home, que máis dá?; Ser pro-muller non é ser anti-home; A igualdade non é o privilexio dunh@s  pouc@s; Traballemos xunt@s pola igualdade!; Equilibremos a balanza da sociedade; A igualdade é de xustiza!





















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...