luns, 10 de novembro de 2025

As mulleres tamén cazaban na Prehistoria!

 

As mentalidades sexistas contaminaron tamén a interpretación do noso pasado por parte da Arqueoloxía e da Historia. Tradicionalmente, considerábase que no Paleolítico só eran os homes os que cazaban, lideraban os grupos humanos ou elaboraban obras de arte. Tal como indica de maneira pioneira Rosalind Miles na súa famosa obra A muller na historia do mundo (1989): “Xeracións enteiras de historiadores, arqueólogos, antropólogos e biólogos creron que o home foi a única figura principal dos albores da historia. En todas as versións coñecidas acerca da orixe da nosa especie, o home cazador, o home señor da creación, cazaba ao axexo na sabana virxe en solitario esplendor.

Mais recentemente, na obra de Marga Sánchez Romero: Prehistorias de mujeres (2022) puntualizase: “Así é como se nos contou unha Prehistoria na que os homes son louzáns cazadores e as mulleres ocúpanse do espazo doméstico, un reparto de roles de xénero que responde moito máis aos clixés e tópicos das sociedades machistas do presente desde o que se inventaron eses relatos sobre o pasado que ás evidencias arqueolóxicas sobre as culturas prehistóricas”.

Na aula de Ámbito Social do Módulo 1 da ESPA estamos a estudar a Prehistoria, e os nosos alumnos e alumnas, ademais de poder ollar reproducións de ferramentas de pedra, recipientes de cerámica neolítica ou obras de arte, reflexionaron sobre esta discriminación das mulleres na reconstrución histórica do noso pasado.










Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...