venres, 6 de marzo de 2026

Educarse para construír sociedades máis humanas, solidarias e igualitarias!

 

Onte o IES Gregorio Fernández recibiu a visita da fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra, co obxecto de inaugurar unha nova instalación de vinilos na outra escaleira do edificio principal do centro, titulándose esta escada: “Amar as letras. Amar os números. Amar a vida”. As letras que titulan a escaleira son da autoría do escritor e músico Francisco Castro e foron creadas orixinalmente para este proxecto.

A través dos seus chanzos e coincidindo co 50 aniversario do centro, o IES Gregorio Fernández  pretende subliñar a importancia que ten a educación no enriquecemento persoal e social, e motivar así o noso alumnado para que valore a aprendizaxe como un proceso imprescindible para formarse como persoas que contribúan á creación de sociedades tolerantes, solidarias, igualitarias e humanas.

Os lemas foron escollidos entre as palabras achegadas por integrantes de toda a comunidade educativa. Estes son os seguintes: Máis educación, menos conflitos (de Andrea Hermida); Aprender a nosa lingua fainos máis libres (de Mª Luz Núñez); A educación, escaleira para acadar os teus soños (de Jesús Mejuto); A cultura é o fusil dos sensatos (de María Blanca Arza); Só a educación abre as portas da igualdade (de María Pilar Saavedra); Aprender é medrar libre (de María Luz García); A educación é o piar dunha sociedade (de Geni Valcárcel, concelleira de Sarria); Fórmate, entenderás a vida (de Isabel Rodríguez); A educación, un feixe de luz! (de Elena Corujo); e O coñecemento é poder! (de María Josefa García).

Así mesmo, Mercedes Vázquez inaugurou varios paneis que promoven a igualdade de xénero, titulados “Feminismo para escépticos” e elaborados para o Plan Proxecta+ “Donas de si” en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega. Estes paneis están ilustrados con algunhas imaxes desta fotógrafa, que ten unha longa traxectoria inmortalizando a mulleres galegas ou portuguesas (especialemnte as “arraianas”), constituíndo os seus traballos un importante legado para a cultura galega.

Estes paneis foron instalados no vestíbulo do edificio principal. Entre outras cuestións, recollen os resultados dunha indagación elaborada polo noso alumnado arredor da percepción que existe na contorna de Sarria sobre o significado do “feminismo” e sobre a importancia deste movemento. Entre as conclusións deste estudo, observamos que só un 40% das enquisadas e un 30% dos enquisados defínense como feministas. Así mesmo, un 50% das mulleres e un 70% dos homes opina que o feminismo discrimina os varóns, e nun 40% das respostas femininas e nun 65% das masculinas afírmase que na actualidade son as mulleres as que teñen máis dereitos.

Á par disto, explícase nestes paneis que o termo feminismo deriva do latín femĭna (‘muller’) e, combinado co sufixo -ismo, fai referencia a unha doutrina ou movemento social orientado a acadar a plena equidade de xénero. Así, a súa orixe non está vinculada á crenza nunha suposta superioridade feminina nin a un menosprezo cara aos homes ou á natureza da masculinidade. A orixe desta palabra remóntase ao século XIX, cando foi empregada por aquelas persoas que, de maneira valente e moi arriscada —expostas a duros castigos físicos, penais, ou morais—iniciaron loitas públicas contra a exclusión das mulleres dos novos conceptos de “democracia” ou “igualdade ante a lei” que enunciaban os nacentes sistemas liberais.

Estas reivindicacións feministas da Idade Contemporánea (sostidas durante dous séculos), sumadas ás loitas de outros homes e mulleres nas distintas etapas da Historia desde hai máis de dous mil anos, fixeron posible as conquistas legais que temos hoxe en día, castigándose penalmente a discriminación ou a violencia contra as mulleres en calquera espazo público ou privado.

Finalmente, Mercedes Vázquez foi entrevistada na radio escolar do centro, Radio Bolboreta, como unha actividade conxunta entre o Plan Proxecta+ "Donas de si" e o Programa Innova-lab (Mat-lab) no que tamén particicipamos. Este é un proxecto interdisciplinar no que se conxugan as Matemáticas, a Historia, as Ciencias Sociais e o mundo empresarial, co obxecto de abordar diversas perspectivas arredor do concepto de infinito.

Neste entrevista, o alumnado participante fixo ficapé na figura de Mercedes Vázquez Saavedra como muller empresaria pioneira en Sarria, cun negocio téxtil que abría as súas portas hai 50 anos e que constitiu un referente neste sector en toda a comarca.



https://sarriaxa.com/news/o-ies-gregorio-fernandez-inaugura-unha-escaleira-educativa-e-paneis-de-igualdade-da-man-de-mercedes-vazquez/117459/





















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...