luns, 24 de marzo de 2025

Conclusións da enquisa sobre o grao de coñecemento pola poboación da contorna de Sarria sobre o significado da violencia de xénero e das mudanzas que se deron a este respecto na lexislación española (realizada no marco do Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade”).

 


A ONU define na actualidade a violencia de xénero coas seguintes características: “actos ferintes dirixidos contra unha persoa ou grupo de persoas en razón do seu xénero. Ten a súa orixe na desigualdade de xénero, o abuso de poder e a existencia de normas discriminatorias. O termo utilízase principalmente para subliñar o feito de que as diferenzas estruturais de poder baseadas no xénero colocan ás mulleres e nenas en situación de risco fronte a múltiples formas de violencia”.

Nas enquisas elaboradas polo alumnado da Educación Secundaria de Adultos relativas ao coñecemento do significado da violencia de xénero pola poboación da contorna de Sarria, puidemos observar que existe aínda un importante descoñecemento tanto do significado da palabra “xénero” (construción social sobre os roles, comportamento ou características relativas ao feito de ser muller ou home) e súa diferenza co “sexo” (diferenzas biolóxicas entre mulleres e homes), como de que a violencia cara as mulleres pode ir moito máis aló do maltrato físico.

Así, se ben como recollemos na nosa exposición a “violencia de xénero” aludiría ás agresións físicas ou psicolóxicas emanadas do histórico desprezo da condición feminina ou da crenza en que o corpo das mulleres ou a súa sexualidade son unha propiedade dos varóns, desgraciadamente aínda existe hoxe en día unha percepción de que as medidas lexislativas elaboradas nas últimas décadas contra esta lacra (feitas despois de máis de 5.000 de Historia na que estas careceron dos dereitos humanos máis esenciais), discriminan aos homes ou os culpabilizan en exceso.

En conxunto (sen ter en conta as variables que se analizaron como a idade ou o nivel educativo) só un 40% dos homes e un 45% das mulleres coñecen o significado aproximado da violencia de xénero, e só un 40% dos homes e un 45% das mulleres citan algunhas das mudanzas que se deron nas leis nos últimos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...