venres, 31 de outubro de 2025

Francisco Castro Veloso visitaranos en marzo no Día da Poesía!

 


Na conmemoración do Día da Poesía en Sarria (dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rei) teremos este ano a sorte de contar coa presenza do escritor e cantautor Francisco Castro Veloso. Nalgunhas das súas actuacións, este home imprescincible para as nosas letras, pon voz aos poemas máis emblemáticos da cultura galega, achegando a poesía a moitos recunchos da nosa terra e a todas as xeracións.

Estamos nun tempo moi necesitado de boa música como a de Francisco e de poesía, así como de que se poña en valor a lingua do noso pobo, que esmorece velozmente ante a impasividade de moitas institucións culturais. Trunfan as mentalidades que menosprezan e negan a importancia do idioma galego como soporte das nosas tradicións e da nosa idiosincrasia, cuestionando a utilidade da súa conservación en beneficio do progreso técnico e da ultramecanización da sociedade, que supostamente poden facilitar as nosas vidas.

Porén, seguimos na Idade Contemporánea nun camiño errado, e nos centros escolares debemos contribuír a destruír a proxección destas mentalidades que favorecen a tendencia á deshumanización do sistema educativo. Hoxe en día, existe unha liña pedagóxica que defende sen pudor que deben prevalecer aquelas materias que semellan ter unha utilidade práctica inmediata, fronte ás aprendizaxes “inútiles” vinculadas á literatura, á filosofía, ás artes, á historia ou ás ciencias sociais.

Sen pretender divagar sobre os efectos tremendamente negativos de descoñecer os erros do pasado e as reflexións e consellos dos homes e mulleres poetas, literatos, filósofos ou historiadores que transitaron e transitan pola nosa civilización, queremos subliñar como docentes que son estas aprendizaxes humanísticas as que fornecen o espírito crítico e a liberdade das conciencias, as que nacen das emocións e dos sentimentos dos pobos, é dicir, de todo aquilo que non poden facer as máquinas.

Moitísimas grazas a Francisco Castro por achegarse a Sarria e por esa importante labor cultural que está a facer pola nosa xeografía, en beneficio de todos e todas nós. Deixamos neste enlace unha das súas actuacións para ir abrindo boca até o 18 de marzo!:

https://www.youtube.com/watch?v=1jd2Qz6zOEo


mércores, 29 de outubro de 2025

Aproveitamos o Samaín para lembrarnos da historia das mulleres!












Unha vez máis, unimos neste blog a loita contra a discriminación de xénero e a visibilización da historia real das mulleres, coa potenciación do uso da lingua galega e a proteción da cultura tradicional da nosa terra.

Así, no IES Gregorio Fernández tamén celebramos o Samaín. Esta conmemoración toma o seu nome do gaélico “Samhain”, que é unha antiga festividade celta que marcaba o paso ao outono e o comezo do “ano escuro”. Neste contexto, críase que o 31 de outubro a conexión entre os vivos e os mortos era máis intensa, cruzando numerosos o espíritos ao mundo terreal.

Posteriormente, deu lugar en Galicia—vinculada na Idade Antiga á cultura celta— á creación dunha festividade na que os nenos e nenas se disfrazaban de seres monstruosos procedentes dos espazos infernais e malignos. Hoxe en día, a diversión que xera esta festa estendeuse a moitos outros territorios.

No caso das bruxas, os integrantes do Plan Proxecta “Donas de Si” 2025-25, aproveitamos, como noutras ocasións, para homenaxear aos centos de mulleres que foron torturadas e condenadas a morte ante a acusación de bruxería. Este foi o caso da afamada canguesa María Soliña (podes saber máis dela no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=IDds1hz5uQ0).

Desgraciadamente, a persecución das bruxas, que segundo as antigas mentalidades eran seres pérfidos ou do inframundo que causaban grandes danos e catástrofes, deu lugar a este capítulo tan negro da nosa historia. En realidade, a acusación de bruxería empregouse como castigo para aquelas mulleres que non se adecuaron aos roles femininos tradicionais, entre os que estaba a obediencia cega e abnegada á vontade dos homes.

Con estas cabazas e atrezo en forma de bruxa, o noso alumnado pretende facer unha homenaxe a estas mulleres, e neste Samaín “Todas somos bruxas!”.










domingo, 19 de outubro de 2025

Que a lingua galega sexa o colo dos nosos soños!

 

No IES Gregorio Fernández vimos unindo nos últimos anos nalgunhas actividades a loita pola igualdade de xénero e a reivindicación da promoción da lingua galega, xa que son dúas causas semellantes. Así, ambas teñen por obxecto acadar o respecto, a dignidade e a igualdade para as mulleres ou para o noso idioma, e tanto a metade feminina da sociedade como a lingua galega son sensibles a sufrir exclusión, rexeitamento ou inxustizas nalgúns ámbitos sociais.

Dentro das actividades do Correlingua 2025/26,  convocouse un concurso para escoller o lema que impulsará nesta convocatoria a promoción da lingua galega, cun prazo xa rematado.

No noso centro presentouse o lema: Que a lingua galega sexa o colo dos nosos soños”.

A este respecto, a palabra “colo” é unha das máis antigas da historia de Galicia, á que xa se faría referencia, na súa versión latina collum, na Peregrinatio escrita por Exeria no século IV da nosa era. Esta muller galega, de procedencia aínda hoxe incerta e que puido pertencer ao monacato segundo algúns autores, realizaría unha peregrinación a Terra Santa que quedaría recollida na mencionada obra.

Pola súa parte, existe un dito popular que fai alusión a que “a túa lingua é aquela na que soñas”. Que todos/as cheguemos a soñar na nosa fala nai é unha fermosa utopía que quizais algún día tórnase en realidade.

Finalmente, cómpre subliñar que na lingua irmá portuguesa recóllese igualmente esta palabra co mesmo significado de “regazo” .



Que as nosas palabras destrúan a violencia!

No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26 e das actividades levadas a cabo polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernández de Sarria, convócase o seguinte concurso de deseño de carteis de cara á conmemoración do 25 de Novembro, baixo o lema “Que as nosas palabras destrúan a violencia!”:

·   Pode participar neste concurso todo o alumnado do IES Gregorio Fernández. O traballo consiste no deseño dun cartel no que se escriba un lema (en lingua galega) alusivo á loita contra a violencia de xénero. O material do cartel é libre (cartolina, folio, tela, etc.). Establécense dous premios: un para o alumnado de ESO e FPB e outro para o alumnado de BAC, ESPA e Ciclos. O prazo para entregar os traballos (ao profesorado participante no Plan Proxecta+) remata o 4 de novembro de 2025.







Proxecto “Escada da igualdade”

 

Os/as integrantes do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26 e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernñandez de Sarria realizamos o seguinte chamamento:

Pon o teu chanzo na escada pola igualdade!

O IES Gregorio Fernández vai a construír no edificio principal unha escaleira titulada “A igualdade é de xustiza”, conformada por chanzos nos que colocaremos frases que contribúan á loita pola equidade entre homes e mulleres.

Encantaríanos contar coa colaboración de toda a comunidade educativa. Se queres participar, idea un lema moi curto (de 8 palabras como máximo contando as preposicións) alusivo ao fomento da igualdade de xénero e entrégao en conserxaría (xunto co teu nome e apelidos). O prazo remata o 19 de outubro.

Os mellores lemas quedarán inscritos para a posteridade na nosa escada, que será inaugurada o 13 de novembros por tres xuíces/as galegos!: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3 de Lugo e Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.



domingo, 5 de outubro de 2025

Unha rúa para Herminia Ramírez Tornos!





           Desde o Plan Proxecta+ “Donas de Si” 2025/26 queremos dar pulo á figura de Herminia Ramírez Tornos, unha muller adiantada ao seu tempo que rachou cos estereotipos de xénero. Herminina, natural de Sarria, foi a primeira radioafeccionada de Galicia. O seu tío, Joaquín Ramírez, era un destacado fotógrafo que publicou algúns dos seus traballos na revista Vida Gallega (1916- 1929), ademais de rexentar un negocio en Sarria no que se comercializaban, entre outras cousas, aparatos de radio. (vid. https://ea1uro.com/radio/herminia/).

Sarria é unha localidade da provincia de Lugo moi vinculada historicamente ao Camiño de Santiago, o que a converteu nun punto de encontro de peregrinos e peregrinas chegados de diversas partes do mundo. Porén, a pesar deste carácter cosmopolita e da riqueza do seu patrimonio cultural ou artístico, existe un escaso recoñecemento no trazado das súas rúas do importante papel que tiveron as mulleres no devir histórico desta vila e de toda a comunidade galega. Así, se facemos unha pescuda a través do nomes do seu rueiro, atopamos só a presenza de cinco figuras femininas: Rosalía de Castro, a Marquesa de Casa López, Xela  Arias ou as irmás García Vázquez.

A primeira é unha afamada escritora que foi clave no Rexurdimento galego, xunto a homes como Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Rosalía de Castro (1837-1885) rachou cos estereotipos femininos propios do seu tempo, reivindicando o acceso das mulleres á educación como primeiro paso para acadar a súa dignificación social. Entre as súas obras máis destacadas estarían Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880). Outras mulleres galegas nadas tamén na primeira metade do século XIX e que acadarían unha importante proxección cultural serían Juana de Vega (1805-1872) ou Concepción Arenal (1820-1893).

No tocante a Andrea de Andrés López (Marquesa de Casa López), foi unha muller emprendedora que no século XIX dirixiu, xunto ao seu esposo Matías López (que chegaría a ser nomeado por Alfonso XII como Senador Vitalicio), as fábricas de chocolates coñecidas como “Chocolates y Dulces Matías López”. Os seus produtos tiveron un grande éxito tanto no Estado español como alén das nosas fronteiras, e algúns dos seus beneficios serían empregados en obras caritativas orientadas ao auxilio social. Tras o falecemento do seu esposo, en maio de 1896 o papa León XIII concederíalle o título de Marquesa de Casa López.

              En relación á rúa dedicada a Xela Arias (1962-2003), foi inaugurada en 2021 en substitución do antigo nome de José Antonio Primo de Rivera (fundador da Falanxe Española) ao abeiro da aprobación da Lei de Memoria Histórica no ano 2007, que impulsaría o recoñecemento social das vítimas da Guerra Civil e da ditadura de Franco (e que daría lugar tamén ao cambio do nome da rúa Calvo Sotelo polo de rúa da Liberdade). Xela foi unha destacada docente, escritora e tradutora orixinaria de Sarria, que segundo algúns críticos literarios estaría adscrita á corrente coñecida como “poesía de muller”, xunto a poetas cunha destacada traxectoria cultural como Olga Novo ou Yolanda Castaño. A Real Academia Galega dedicaríalle o Día das Letras Galegas no ano 2021.

              En último lugar, no caso das irmás García Vázquez, María Rosario e Mercedes, realizaron importantes contribucións económicas orientadas a diversas obras sociais ou de tipo relixioso, como foi o caso das súas achegas para a construción da Residencia de Anciáns “Nosa Señora do Carme” (arredor da cal está situada a rúa que leva o seu nome) ou para a construción da igrexa parroquial de Sarria.

              Á marxe destas rúas con nome propio, destacaríamos tamén a existencia na vila de Sarria dunha rúa chamada Meigas. Esta denominación adquire unha grande importancia como homenaxe ás numerosas mulleres que foron torturadas e condenadas a morte ante a acusación de practicar a bruxería (especialmente nos séculos XV e XVI). Esta acusación vertíase xeralmente sobre aquelas mulleres que desafiaban os roles tradicionais de xénero, nos que se asociaba a feminidade coa submisión, a abnegación e a obediencia cega aos varóns.

              Noutra orde de cuestións, algúns alumnos e alumnas do IES Gregorio Fernández realizaron unha pescuda arredor da concienciación que existe entre a poboación da contorna de Sarria sobre a importancia de dar visibilidade á contribución das mulleres á sociedade ou á historia a través de actos simbólicos como o nomeamento de rúas. Así, entre outros aspectos, preguntaríase aos enquisados/as se consideran que é unha discriminación o feito de que sexan tan escasas as rúas con nome de muller ou se cren que o recoñecemento do papel histórico dalgunhas mulleres outorgándolles o seu nome a unha rúa contribúe a favorecer a igualdade de xénero.

              Neste sentido, sen ter en conta as variables do sexo ou da idade, é rechamante que arredor dun 50% dos enquisados/as non considera que a escaseza de rúas en feminino sexa unha discriminación cara as mulleres. No tocante á pregunta relativa a se consideran que o recoñecemento da contribución social das mulleres a través da denominación das rúas repercute de maneira significativa na igualdade de xénero, darían unha resposta afirmativa un 65% das persoas enquisadas.

Pola súa parte, no ítem no que se tiña que propoñer nomes de mulleres que fosen merecentes de figurar no rueiro da Sarria, atopamos tanto a figuras de gran relevancia histórica como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Clara Campoamor como a mulleres do presente como Alice Kellen, Greta Thumberg ou Ana Peleteiro.

Finalmente, cómpre subliñar que a escasa porcentaxe de rúas dedicadas a mulleres en Sarria (12%) é equiparable ao que sucede noutras localidades de tamaño similar dentro da provincia de Lugo, como é o caso de Vilalba (12%), Monforte de Lemos (10%) ou Ribadeo (15%).[1] Isto é unha mostra máis do común esquecemento en toda a comunidade galega (e en todo o estado) do papel histórico desempeñado polas mulleres.

Ollemos, para rematar, algunhas imaxes destas rúas de Sarria con nome propio de muller:

                       






















Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...