Sarria é
unha localidade da provincia de Lugo moi vinculada historicamente ao Camiño de
Santiago, o que a converteu nun punto de encontro de peregrinos e peregrinas
chegados de diversas partes do mundo. Porén, a pesar deste carácter cosmopolita
e da riqueza do seu patrimonio cultural ou artístico, existe un escaso
recoñecemento no trazado das súas rúas do importante papel que tiveron as
mulleres no devir histórico desta vila e de toda a comunidade galega. Así, se
facemos unha pescuda a través do nomes do seu rueiro, atopamos só a presenza de
cinco figuras femininas: Rosalía de Castro, a Marquesa de Casa López, Xela Arias ou as irmás García Vázquez.
A
primeira é unha afamada escritora que foi clave no Rexurdimento galego, xunto a
homes como Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Rosalía de Castro (1837-1885)
rachou cos estereotipos femininos propios do seu tempo, reivindicando o acceso
das mulleres á educación como primeiro paso para acadar a súa dignificación
social. Entre as súas obras máis destacadas estarían Cantares Gallegos
(1863) e Follas Novas (1880). Outras mulleres galegas nadas tamén na
primeira metade do século XIX e que acadarían unha importante proxección
cultural serían Juana de Vega (1805-1872) ou Concepción Arenal (1820-1893).
No tocante a Andrea de Andrés López (Marquesa de Casa López), foi unha
muller emprendedora que no século XIX dirixiu, xunto ao seu esposo Matías López
(que chegaría a ser nomeado por Alfonso XII como Senador Vitalicio), as
fábricas de chocolates coñecidas como “Chocolates y Dulces Matías López”. Os seus produtos tiveron un grande éxito
tanto no Estado español como alén das nosas fronteiras, e algúns dos seus
beneficios serían empregados en obras caritativas orientadas ao auxilio social.
Tras o falecemento do seu esposo, en maio de 1896 o
papa León XIII concederíalle o título de Marquesa de Casa López.
En relación á rúa dedicada a Xela Arias (1962-2003), foi inaugurada en
2021 en substitución do antigo nome de José Antonio Primo de Rivera (fundador
da Falanxe Española) ao abeiro da aprobación da Lei de Memoria Histórica no
ano 2007, que impulsaría o recoñecemento social das vítimas da Guerra Civil e
da ditadura de Franco (e que daría lugar tamén ao cambio do nome da rúa Calvo
Sotelo polo de rúa da Liberdade). Xela foi unha
destacada docente, escritora e tradutora orixinaria de Sarria, que segundo
algúns críticos literarios estaría adscrita á corrente coñecida como “poesía de
muller”, xunto a poetas cunha destacada traxectoria cultural como Olga Novo ou
Yolanda Castaño. A Real Academia Galega dedicaríalle o Día das Letras Galegas
no ano 2021.
Noutra orde de cuestións, algúns alumnos e alumnas do
IES Gregorio Fernández realizaron unha pescuda arredor da concienciación que
existe entre a poboación da contorna de Sarria sobre a importancia de dar
visibilidade á contribución das mulleres á sociedade ou á historia a través de
actos simbólicos como o nomeamento de rúas. Así, entre outros aspectos,
preguntaríase aos enquisados/as se consideran que é unha discriminación o feito
de que sexan tan escasas as rúas con nome de muller ou se cren que o recoñecemento
do papel histórico dalgunhas mulleres outorgándolles o seu nome a unha rúa
contribúe a favorecer a igualdade de xénero.
Neste sentido, sen ter en conta as variables do sexo ou
da idade, é rechamante que arredor dun 50% dos enquisados/as non considera que
a escaseza de rúas en feminino sexa unha discriminación cara as mulleres. No
tocante á pregunta relativa a se consideran que o recoñecemento da contribución
social das mulleres a través da denominación das rúas repercute de maneira
significativa na igualdade de xénero, darían unha resposta afirmativa un 65%
das persoas enquisadas.
Pola súa
parte, no ítem no que se tiña que propoñer nomes de mulleres que fosen
merecentes de figurar no rueiro da Sarria, atopamos tanto a figuras de gran
relevancia histórica como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Clara
Campoamor como a mulleres do presente como Alice Kellen, Greta Thumberg ou Ana
Peleteiro.
Finalmente,
cómpre subliñar que a escasa porcentaxe de rúas dedicadas a mulleres en Sarria
(12%) é equiparable ao que sucede noutras localidades de tamaño similar dentro
da provincia de Lugo, como é o caso de Vilalba (12%), Monforte de Lemos (10%)
ou Ribadeo (15%).[1] Isto é
unha mostra máis do común esquecemento en toda a comunidade galega (e en todo o
estado) do papel histórico desempeñado polas mulleres.
Ollemos, para rematar, algunhas imaxes
destas rúas de Sarria con nome propio de muller:









Ningún comentario:
Publicar un comentario