luns, 23 de febreiro de 2026

Rosa-lía, de novo damos a chapa coa nosa poeta máis afamada!

 


O Departamento de Lingua Galega (participante no Plan Proxecta+ “Donas de si”) realizou, co obxecto de conmemorar o día dedicado a Rosalía de Castro, unhas orixinais chapas que xogan co nome desta escritora. Parabéns polo traballo realizado!


venres, 20 de febreiro de 2026

Conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, muller adiantada ao seu tempo!

 


No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si”, en colaboración co Equipo de Dinamiación da Lingua Galega, convocamos o concurso titulado “Tunea a Rosalía” (co gallo da celebración do día dedicado a esta autora, o 23 de febreiro), no que o alumnado elaborou diferentes ilustracións ou representacións do rostro de Rosalía empregando unha técnica de libre elección.

Hoxe instalamos no vestíbulo do edificio 100 unha mostra destes traballos, cos que homenaxeamos a unha muller clave na loita feminista, así como varios carteis que anuncian a próxima conmemoración do 8 de marzo (para o que xa temos preparadas diversas sorpresas).

Queremos lembrar que esta figura fundamental da cultura da nosa terra rachou, tanto na súa vida como na súa obra, co paradigma de muller “ideal” submisa e abnegada propio da súa época. Nun contexto histórico no que as mulleres estaban relegadas a un papel de submisión á vontade dos varóns en todos os ámbitos públicos e privados, Rosalía participou activamente nos círculos intelectuais e políticos, intervindo nos debates culturais e sociais do seu tempo.

Na súa traxectoria vital defendeu a independencia das mulleres e que estas expresasen libremente as súas inquedanzas. Así mesmo, cuestionou os estereotipos de xénero tradicionais e denunciou as inxustizas que afectaban á nosa terra. É así un exemplo de coraxe e valentía, que hoxe en día continúa a inspirar as novas xeracións na defensa da emancipación das mulleres e na loita contra as aldraxes e inxustizas que padecen.

































domingo, 8 de febreiro de 2026

Nas dúas guerras mundiais as mulleres tamén construíron a historia!

 


As dúas guerras mundiais do século XX (1914-1928 e 1939-1945), conforman dous dos episodios máis dramáticos da Idade Contemporánea, que deixaron tras de si millóns de vítimas mortais e terribles secuelas físicas e psicolóxicas.

Porén, segue a ser necesaria unha reconstrución da súa historia, xa que o relato tradicional sobre estes sucesos esqueceu o papel neles das mulleres. Así, estas participaron  tanto nos combates armados como noutros ámbitos sociais ou económicos de gran relevancia. Neste sentido, elas tamén estiveron nos frontes de batalla (sufriron na súa propia carne os atroces padecementos asociados ás guerra) e ocuparon, ante a marcha dos varóns, os postos máis decisivos na produción industrial ou agrícola.

Desde o Ámbito Social da ESPA queremos homenaxear a estas mulleres e, co noso costume de achegar o museo á aula, o alumnado puido tocar e mesmo probarse un casco usado na II Guerra Mundial.


Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...