No marco do Plan Proxecta+ “Donas de
si”, en colaboración co Equipo de Dinamiación da Lingua Galega, convocamos o concurso titulado “Tunea a Rosalía” (co gallo da celebración
do día dedicado a esta autora, o 23 de febreiro), no que o alumnado elaborou
diferentes ilustracións ou representacións do rostro de Rosalía empregando unha
técnica de libre elección.
Hoxe instalamos no vestíbulo do
edificio 100 unha mostra destes traballos, cos que homenaxeamos a unha muller
clave na loita feminista, así como varios carteis que anuncian a próxima
conmemoración do 8 de marzo (para o que xa temos preparadas diversas sorpresas).
Queremos lembrar que esta figura
fundamental da cultura da nosa terra rachou, tanto na súa vida como na súa
obra, co paradigma de muller “ideal” submisa e abnegada propio da súa
época. Nun contexto histórico no que as mulleres estaban relegadas a un papel
de submisión á vontade dos varóns en todos os ámbitos públicos e privados,
Rosalía participou activamente nos círculos intelectuais e políticos,
intervindo nos debates culturais e sociais do seu tempo.
Na súa traxectoria vital defendeu a
independencia das mulleres e que estas expresasen libremente as súas
inquedanzas. Así mesmo, cuestionou os estereotipos de xénero tradicionais e denunciou
as inxustizas que afectaban á nosa terra. É así un exemplo de coraxe e
valentía, que hoxe en día continúa a inspirar as novas xeracións na defensa da
emancipación das mulleres e na loita contra as aldraxes e inxustizas que
padecen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario