Estamos moi contentos/as no noso instituto coa repercusión que tiveron as
nosas actividades en loita contra a violencia de xénero e contra a
discriminación das mulleres.
Moitísmas grazas a El Progreso,
La Voz de Galicia e XarriaXa!
Estamos moi contentos/as no noso instituto coa repercusión que tiveron as
nosas actividades en loita contra a violencia de xénero e contra a
discriminación das mulleres.
Moitísmas grazas a El Progreso,
La Voz de Galicia e XarriaXa!
Hoxe tivemos a
sorte de contar no noso instituto coa presenza de tres xuíces/as e
maxistrados/as galegos: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e maxistrada Presidenta da
Audiencia Provincial de Lugo; Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do
Xulgado do Social núm. 3 de Lugo, e Luís Villares Naveira, xuíz e
maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia.
A charla-coloquio foi presentada pola
directora do centro Ana Isabel López Valín, e interviñeron tamén a responsable
de Dinamización da Lingua Galega María Elena Corujo Pereiro e a edil de Sarria
Mª Eugenia Valcárcel López. Esta conferencia e outras actuacións realizadas
arredor do 25 N (como o concurso de carteis cos frases alusivas á loita contra
a violencia de xénero) forman parte das actividades levadas a cabo para o Plan
Proxecta+ “Donas de si” 2025/26, impulsado pola Consellería de
Política Social e Igualdade (Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e
coordinado no IES Gregorio Fernández pola profesora Isabel Rodríguez Mate.
Estes tres maxistrados/as impartiron
unha interesante charla sobre diversos aspectos históricos, legais ou sociais
da violencia de xénero, así como sobre os bulos que se
difunden na actualidade arredor das lexislacións que se fundamentan na
“discriminación positiva” para protexer ás mulleres fronte a esta lacra. Entre eles, fíxose fincapé na falsa idea, moi presente
nas redes sociais, de que na actualidade son os homes os discriminados nas leis
ou de que existe un emprego malintencionado ou abusivo por parte das mulleres
da actual penalización da violenica de xénero.
Estes tres
xuíces/as, explicaron ao noso alumnado como o castigo da violencia de xénero e
moitos outros dereitos das
mulleres percorreron na historia un camiño extremadamente lento, e que debemos
de actuar de iure e de facto ante os dramáticos efectos da inercia do
gran arraigamento histórico do patriarcado e da longa perpetuación dos
estereotipos sexistas (representando a violencia cara a mulleres a súa cara
máis aberrante). Tal como apuntou Luís Villares, a verdadeira xustiza consiste
en tratar “igual” ao que é “igual” e “diferente” ao que é “diferente”.
Así, desde
que temos rexistradas as primeiras obras legais escritas no noso territorio (hai
arredor de 2000 anos aproximadamente baixo a dominación romana) ata o século XX,
as mulleres estarían discriminadas en numerosos ámbitos públicos e privados,
permanecendo toda a vida tuteladas polos seus pais ou esposos (que decidían por
elas desde os asuntos económicos ou políticos até os aspectos máis cotiáns), e
carecendo dos dereitos humanos máis básicos.
Unha das
discriminacións xurídicas máis aberrantes sería o tipo penal coñecido como
“uxoricidio por causa de honor”, do latín uxor (esposa) e cida
(matar), que existiu en Galicia sen interrupción (baixo diversas denominacións)
desde a etapa de dominación romana até a II República (1931) e que sería
reintroducido na ditadura franquista até 1963. Nel estipulábase que se un home
asasinaba á súa esposa por acometer adulterio ou realizar condutas
“deshonrosas” non recibiría pena de cadea, porque entraba dentro dos actos
vinculados á protección legal da “honorabilidade” dos varóns.
Na
actualidade, debemos lembrar que a ONU a define a “violencia de xénero” coas
seguintes palabras:
“Actos ferintes dirixidos contra unha persoa ou grupo de
persoas en razón do seu xénero. Ten a súa orixe na desigualdade de xénero, o
abuso de poder e a existencia de normas discriminatorias. O termo utilízase
principalmente para subliñar o feito de que as diferenzas estruturais de poder
baseadas no xénero colocan ás mulleres e nenas en situación de risco fronte a
múltiples formas de violencia”.
Esta violencia
segue a cobrarse a día de hoxe numerosas vítimas mortais, e supón a cara máis
dura das poutas do sexismo que aínda colean na actualidade. No Etado español, a
primeira Lei Integral contra a Violencia de Xénero data do ano 2004. En 2007
incorporaríase a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da
violencia de Xénero. Nela enténdese por este concepto:
“Calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de
desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as
mulleres que teña ou que poda ter como consecuencia un dano físico, sexual ou
psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción e privación
arbitraria da liberdade, tanto se acontecen no ámbito público como na vida
familiar ou persoal”.
Nas enquisas feitas polo noso alumnado
da ESPA (das promocións comprendidas entre o 2022 e 2025) relativas ao grao de
coñecemento do significado da violencia de xénero pola poboación da contorna de
Sarria, puidemos observar que existe aínda un importante descoñecemento tanto
das diferenzas entre o “xénero” (construción social sobre os roles,
comportamento ou características relativas ao feito de ser muller ou home) e o
“sexo” (características biolóxicas das mulleres ou homes), como de que o
maltrato cara as mulleres pode ir moito máis aló do dano físico. En conxunto
(sen ter en conta todas as variables que se analizaron) só un 25% dos homes e
un 30% das mulleres coñecen o significado aproximado da violencia de xénero ou
algunhas das mudanzas que se deron nas leis nos últimos anos. Por franxas de
idade, a poboación que semella ter máis coñecemento sobre esta cuestión é a
comprendida no caso dos varóns entre os 18 e os 35 anos e acontece de maneira
similar no tocante ás mulleres.
Así mesmo, os tres xuices/as e
maxistrados/as galegos que visitaron hoxe o IES Gregorio Fernández inauguraron
a nosa “escaleira da igualdade”, na que nos seus chanzos inscríbense lemas
relativos á loita pola igualdade de xénero e chamadas ao empoderamento feminino,
escollidos entre os aportados por toda a comunidade educativa.
Os lemas que se incluiron nesta
escaleira son os seguintes: unha sociedade democrática debe ser feminista; A
igualdade constrúese entre tod@s; O respecto non ten xénero; Diferentes, si.
Desiguais, non; Muller ou home, que máis dá?; Ser pro-muller non é ser
anti-home; A igualdade non é o privilexio dunh@s pouc@s; Traballemos xunt@s pola igualdade!;
Equilibremos a balanza da sociedade; A igualdade é de xustiza!
As mentalidades
sexistas contaminaron tamén a interpretación do noso pasado por parte da
Arqueoloxía e da Historia. Tradicionalmente, considerábase que no Paleolítico
só eran os homes os que cazaban, lideraban os grupos humanos ou elaboraban
obras de arte. Tal como indica de maneira pioneira Rosalind Miles na súa famosa
obra A muller na historia do mundo (1989): “Xeracións enteiras de
historiadores, arqueólogos, antropólogos e biólogos creron que o home foi a
única figura principal dos albores da historia. En todas as versións coñecidas
acerca da orixe da nosa especie, o home cazador, o home señor da creación,
cazaba ao axexo na sabana virxe en solitario esplendor.
Mais recentemente, na obra de Marga Sánchez Romero: Prehistorias
de mujeres (2022) puntualizase: “Así é como se nos contou unha Prehistoria
na que os homes son louzáns cazadores e as mulleres ocúpanse do espazo
doméstico, un reparto de roles de xénero que responde moito máis aos clixés e
tópicos das sociedades machistas do presente desde o que se inventaron eses
relatos sobre o pasado que ás evidencias arqueolóxicas sobre as culturas
prehistóricas”.
Na aula de Ámbito Social do Módulo 1 da ESPA estamos a
estudar a Prehistoria, e os nosos alumnos e alumnas, ademais de poder ollar
reproducións de ferramentas de pedra, recipientes de cerámica neolítica ou
obras de arte, reflexionaron sobre esta discriminación das mulleres na
reconstrución histórica do noso pasado.
Durante
o século XVIII, a chegada da Ilustración —principalmente en Francia— daeu lugar
á aparición de novas correntes de pensamento que colocaron á razón como o eixo
fundamental sobre o que asentar as sociedades e que reivindicaron a necesidade
de afastar aos individuos da ignorancia, da superstición e da tiranía. Do mesmo
xeito, tivo unha gran importancia histórica a idea do dereito do pobo á
felicidade, enunciada polos filósofos ilustrados, que contradicía á louvanza
relixiosa do “sacrificio”, da “obediencia” e da “abnegación” como camiños para
acadar a virtude máxima.
Neste
contexto situamos o ourensán Benito Feijoo (1676-1764), quen tamén fixo gala da
reivindicación da necesidade de eliminar completamente as supersticións que
“atrasaban” o pobo e da importancia que tiña a educación para o progreso
social. Esas ideas exprésanse en obras como o seu Teatro crítico universal,
publicado entre 1726 e 1740.
Para
as mulleres galegas, este ilustrado tivo un destacadísimo papel histórico. Ao
igual que outros dous homes do seu tempo, tamén vinculados ao noso territorio
—Martín Sarmiento (1695-1772) e Vicente do Seixo (1747-1802)—, Feijoo fixo unha
proclama en contra da arraigada teoría da inferioridade biolóxica ou
intelectual feminina con respecto aos varóns. Estas palabras, tremendamente
decisivas para a historia das mulleres, aparecen recollidas nun capítulo da
mencionada obra Teatro crítico universal.
O alumnado do Ámbito Social do 3º módulo da ESPA tivo onte a oportunidade de tocar, ulir e ler un orixinal desta obra, achegando así á aula unha das obras fundamentais da nosa literatura e que representa un dos primeiros ecos feministas da Idade Contemporánea en Galicia.
O xornal EL progreso dá conta
xa dalgunhas das actividades programadas no marco do Plan Proxecta+ “Donas de
si” 2025/26. Neste caso, como xa
adiantamos, día 13 de novembro (ás 11.30) temos a fortuna de ofrecer ao noso
alumnado unha charla sobre a violencia de xénero impartida por tres xuíces e
maxistrados galegos (que veñen de forma totalmente gratuíta): Sandra
Piñeiro Vilas, xuíza e maxistrada presidenta da Audiencia Provincial de Lugo;
Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3
de Lugo, e Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do
Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Así mesmo, estes tres maxistrados
inaugurarán ese día a nosa “Escada da igualdade” (que titulamos “A igualdade é
de xustiza”), e que situaremos nos chanzos do edificio principal do noso
centro. Estará composta de lemas (que promovan a loita contra a discriminación
de xénero e o empoderamento feminino) escollidos entre os achegados por toda a
comunidade educativa. Envío en anexos os carteis informativos das actividades
complementarias previstas para este día.
Entre os lemas que se incluirán na
escada están os seguintes: unha sociedade democrática debe ser feminista; A
igualdade constrúese entre tod@s; O respecto non ten xénero; Diferentes, si.
Desiguais, non; Muller ou home, que máis dá?; Ser pro-muller non é ser
anti-home; A igualdade non é o privilexio dunh@s pouc@s; Traballemos xunt@s pola igualdade!;
Equilibremos a balanza da sociedade; A igualdade é de xustiza!
Na charla-coloquio dos xuíces e na
inauguración das escada intervirán ademais a directora do IES Gregorio
Fernández Ana Valín; a coordinadora do Plan Proxecta “Donas de si” Isabel
Rodríguez Mate, a coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega Elena
Corujo e a edil de Sarria Mª Eugenia Valcárcel López.
Estas actividades forman parte do Plan
Proxecta+ “Donas de si” impulsado pola Consellería
de Política Social e Igualdade (Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e
titorizado por Sonia Balado Segade (Servizo de Programación, Cooperación
Institucional e Planificación).
O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...