O xornal EL progreso dá conta
xa dalgunhas das actividades programadas no marco do Plan Proxecta+ “Donas de
si” 2025/26. Neste caso, como xa
adiantamos, día 13 de novembro (ás 11.30) temos a fortuna de ofrecer ao noso
alumnado unha charla sobre a violencia de xénero impartida por tres xuíces e
maxistrados galegos (que veñen de forma totalmente gratuíta): Sandra
Piñeiro Vilas, xuíza e maxistrada presidenta da Audiencia Provincial de Lugo;
Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3
de Lugo, e Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do
Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Así mesmo, estes tres maxistrados
inaugurarán ese día a nosa “Escada da igualdade” (que titulamos “A igualdade é
de xustiza”), e que situaremos nos chanzos do edificio principal do noso
centro. Estará composta de lemas (que promovan a loita contra a discriminación
de xénero e o empoderamento feminino) escollidos entre os achegados por toda a
comunidade educativa. Envío en anexos os carteis informativos das actividades
complementarias previstas para este día.
Entre os lemas que se incluirán na
escada están os seguintes: unha sociedade democrática debe ser feminista; A
igualdade constrúese entre tod@s; O respecto non ten xénero; Diferentes, si.
Desiguais, non; Muller ou home, que máis dá?; Ser pro-muller non é ser
anti-home; A igualdade non é o privilexio dunh@s pouc@s; Traballemos xunt@s pola igualdade!;
Equilibremos a balanza da sociedade; A igualdade é de xustiza!
Na charla-coloquio dos xuíces e na
inauguración das escada intervirán ademais a directora do IES Gregorio
Fernández Ana Valín; a coordinadora do Plan Proxecta “Donas de si” Isabel
Rodríguez Mate, a coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega Elena
Corujo e a edil de Sarria Mª Eugenia Valcárcel López.
Estas actividades forman parte do Plan
Proxecta+ “Donas de si” impulsado pola Consellería
de Política Social e Igualdade (Dirección Xeral de Promoción da Igualdade) e
titorizado por Sonia Balado Segade (Servizo de Programación, Cooperación
Institucional e Planificación).


Ningún comentario:
Publicar un comentario