A Revolución
Francesa (1789) é o acontecemento máis importante dos últimos séculos, xa que
supón o punto de partida do derrubo efectivo do Antigo Réxime, no que o poder estaba
monopolizado polos estamentos privilexiados: a Igrexa e da nobreza, e o pobo chan
carecía dos dereitos humanos máis básicos. Porén, nos textos fundamentais que
deron cobertura ideolóxica a este proceso, como foi o caso da Declaración de
Dereitos do Home e do Cidadán, asentados sobre os principios da liberdade e
da igualdade como bases do novo estado liberal, deixouse fóra á metade feminina
da poboación.
Esta discriminación no asentamento dos chanzos da Idade Contemporánea, crearía
un perigoso antecedente de cara a instauración futura dos sistemas liberais
noutros estados, xa que era posible enunciar como principios básicos da
cidadanía a liberdade e a igualdade á par que as mulleres permanecían toda a
súa vida baixo a tutela dos varóns. Perpetuaríase así a idea tradicional de que
estas eran inferiores aos homes de maneira connatural, tanto desde o punto de
vista biolóxico e intelectual como moral, e que a súa liberdade de actuación era perigosa para a
estabilidade social.
Na aula do Ámbito Social do Módulo 3 da ESPA traballamos con dous documentos
que exemplifican os argumentaban que aportaban os revolucionarios franceses
para xustificar esta discriminación, escritos polos deputados
Amarat e Talleyrand e recollidos na obra de Paule Marie Duhet: Las mujeres y la revolución, 1789-1794 (1974).
“O home é forte, robusto, dotado de gran
enerxía, audacia e valor (...). Cales son as características peculiares que
definen á muller? Os costumes e a natureza mesma asignáronlle as súas funcións:
comezar pola educación dos homes, preparar a mente e o corazón dos nenos ás
virtudes públicas, encamiñalos desde a súa máis tenra infancia cara o ben (…).
Estas son as funcións que lles competen, ademais das súas labores caseiras (…).
Deben ser autorizadas en París as concentracións de mulleres agrupadas baixo a
etiqueta de Sociedade Popular? (…). A súa solución debe vir precedida por dúas
de tipo máis xeral, e que son as seguintes: 1. Poden as mulleres exercer
dereitos políticos e tomar parte activa nas tarefas de goberno? 2. Poden elas
deliberar, congregadas en asociacións políticas ou en Sociedades Populares? Con
respecto a eses dous interrogantes, o comité optou por unha negativa.”
“Non resulta evidente que a súa fráxil
constitución física, a súa predisposición por unha vida sosegada, as numerosas
obrigas da maternidade, sepáraas constantemente dos hábitos rudos, dos
traballos pesados, e as invita a dedicarse as ocupacións sosegadas e ás labores
do fogar? Como non darse conta de que o principio conservador das sociedades,
que instituíu a harmonía na división de poderes, foi expresado e como revelado
pola Natureza, cando distribuíu de tal sorte aos sexos unhas obrigas (...).”
Así mesmo, afondamos na figura dunha das primeiras feministas da Idade
Contemporánea, Olympe de Gouges (1748-1793) que, entre outras cousas, escribiu
a Declaración de Dereitos da Muller e da Cidadá (1791) como crítica da
exclusión das mulleres nas novas conquistas xurídicas. Desgraciadamente, ao
igual que outras mulleres que se desviaron dos roles tradicionais de xénero, foi
condenada á guillotina en 1793.