xoves, 11 de decembro de 2025

A Revolución francesa esqueceu á metade feminina da poboación

 


A Revolución Francesa (1789) é o acontecemento máis importante dos últimos séculos, xa que supón o punto de partida do derrubo efectivo do Antigo Réxime, no que o poder estaba monopolizado polos estamentos privilexiados: a Igrexa e da nobreza, e o pobo chan carecía dos dereitos humanos máis básicos. Porén, nos textos fundamentais que deron cobertura ideolóxica a este proceso, como foi o caso da Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, asentados sobre os principios da liberdade e da igualdade como bases do novo estado liberal, deixouse fóra á metade feminina da poboación.

Esta discriminación no asentamento dos chanzos da Idade Contemporánea, crearía un perigoso antecedente de cara a instauración futura dos sistemas liberais noutros estados, xa que era posible enunciar como principios básicos da cidadanía a liberdade e a igualdade á par que as mulleres permanecían toda a súa vida baixo a tutela dos varóns. Perpetuaríase así a idea tradicional de que estas eran inferiores aos homes de maneira connatural, tanto desde o punto de vista biolóxico e intelectual como moral, e que a súa liberdade de actuación era perigosa para a estabilidade social.

Na aula do Ámbito Social do Módulo 3 da ESPA traballamos con dous documentos que exemplifican os argumentaban que aportaban os revolucionarios franceses para xustificar esta discriminación, escritos polos deputados Amarat e Talleyrand e recollidos na obra de Paule Marie Duhet: Las mujeres y la revolución, 1789-1794 (1974).

 

“O home é forte, robusto, dotado de gran enerxía, audacia e valor (...). Cales son as características peculiares que definen á muller? Os costumes e a natureza mesma asignáronlle as súas funcións: comezar pola educación dos homes, preparar a mente e o corazón dos nenos ás virtudes públicas, encamiñalos desde a súa máis tenra infancia cara o ben (…). Estas son as funcións que lles competen, ademais das súas labores caseiras (…). Deben ser autorizadas en París as concentracións de mulleres agrupadas baixo a etiqueta de Sociedade Popular? (…). A súa solución debe vir precedida por dúas de tipo máis xeral, e que son as seguintes: 1. Poden as mulleres exercer dereitos políticos e tomar parte activa nas tarefas de goberno? 2. Poden elas deliberar, congregadas en asociacións políticas ou en Sociedades Populares? Con respecto a eses dous interrogantes, o comité optou por unha negativa.”

 

“Non resulta evidente que a súa fráxil constitución física, a súa predisposición por unha vida sosegada, as numerosas obrigas da maternidade, sepáraas constantemente dos hábitos rudos, dos traballos pesados, e as invita a dedicarse as ocupacións sosegadas e ás labores do fogar? Como non darse conta de que o principio conservador das sociedades, que instituíu a harmonía na división de poderes, foi expresado e como revelado pola Natureza, cando distribuíu de tal sorte aos sexos unhas obrigas (...).”


Así mesmo, afondamos na figura dunha das primeiras feministas da Idade Contemporánea, Olympe de Gouges (1748-1793) que, entre outras cousas, escribiu a Declaración de Dereitos da Muller e da Cidadá (1791) como crítica da exclusión das mulleres nas novas conquistas xurídicas. Desgraciadamente, ao igual que outras mulleres que se desviaron dos roles tradicionais de xénero, foi condenada á guillotina en 1793.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...