xoves, 18 de decembro de 2025

Lembramos a gran discriminación laboral das traballadoras galegas nos séculos XIX e XX e a importancia do Movemento Obreiro

 


O movemento obreiro foi nos século XIX e XX un puntal clave na paulatina consecución dos dereitos que se foron recoñecendo ao longo da Idade Contemporánea aos traballadores e traballadoras. Durante a Revolución Industrial, as condicións de vida do proletariado eran extremadamente duras: longuísimas xornadas de traballo (era común que alcanzasen as 14 horas diarias), salarios ínfimos, falta de hixiene e de proteción ante os riscos laborais, despido libre, ausencia do dereito de asociación ou explotación infantil.

Ante esta situación, algúns obreiros e obreiras emprenderon valentes e arduas protestas, cuxa suma sería fundamental nas mudanzas lexislativas que se foron sucedendo até a actualidade, aínda que cunha evolución moi lenta ante os atrancos da alta burguesía.

No caso das mulleres, a situación sería aínda máis dramática, xa que ademais de padecer tamén unhas condicións de traballo infrahumanas (e facerse cargo en exclusiva das tarefas domésticas e do coidado dos fillos e fillas), estaban fortemente discriminadas con respecto aos varóns, sendo común que cobrasen 1/3 ou a metade do salario que se lle pagaba aos seus compañeiros, que sufrisen todo tipo de abusos nos espazos laborais, a apertura de inxustos expedientes ante calquera denuncia das aldraxes que padecían ou o despido das traballadoras encintas.

En Galicia, no mes de decembro de 1857 produciríase unha das primeiras mobilización protagonizadas polas obreiras, coas protestas das cigarreiras da Real Fábrica de Tabacos da Coruña. Esta fábrica chegou a empregar arredor de 4.000 mulleres, sometidas a condicións laborais especialmente duras, caracterizadas por salarios moi baixos, longas xornadas de traballo e unha elevada precariedade. O desencadeante desta protesta, de natureza ludita, foi a incorporación de novas máquinas de picadura que diminuían de maneira significativa a demanda de man de obra. Este episodio, xunto con outras mobilizacións femininas, sería posteriormente retratado por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna (1883).

No Estado español, as primeiras leis que prohibiron os agravios de xénero no ámbito laboral non foron promulgadas até a II República (1931-1936), co recoñecemento pola Constitución de 1931, por primeira vez na historia, da interdición da discriminación por razón de sexo e do dereito das mulleres a acceder a calquera tipo de ocupación.

Porén, as mentalidades sociais terían unha evolución aínda máis lenta, e os medios de comunicación deste período fanse eco do menosprezo cara a forza de traballo das mulleres e da normalización da figura do home como sustentador principal e prioritario da economía doméstica (considerándose o traballo das mulleres como algo sempre auxiliar e complementario en casos de extrema necesidade).

No Ámbito Social da ESPA traballamos con este documento publicado en El Progreso en decembro de 1931, elaborado polo recoñecido médico galego Enrique Calvar e recollido nunha investigación realizada polo noso alumnado de adultos no curso 2021-22.

“El avance del feminismo -en todos los aspectos que se le considere- es en nuestro entender un daño que se le hace a la humanidad, daño que a la larga se traducirá por trastornos tan intensos (…) La mujer no sólo se diferencia del hombre por su aparato genital (…) realmente todo el organismo femenino está supeditado a la función de la reproducción (…) La psiquis femenina- por más que se pretenda- no podrá nunca parangonarse con la del varón, hasta el punto de que aquellas mujeres que intelectualmente alcanzaron elevadas tallas, deben este privilegio a lo que en sus estructuras llevan de hombre (…) La mujer pura -la feminidad por excelencia- es un tipo de mujer que no soporta sin graves trastornos un trabajo intelectual, enojoso, ni un obrerismo pesado y que responde enseguida con alteraciones orgánicas.”[1]

 

Señorans Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo femenino”, El Progreso, núm. 348. 2 dec. 1931, p. 1.



[1] Señorans Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo femenino”, El Progreso, núm. 348. 2 dec. 1931, p. 1.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...