luns, 23 de marzo de 2026

Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centros escolares da comarca participaron neste evento, e cada un deles organizou a lectura ou representación de poemas de diversos autores galegos, cun leitmotiv común: “O monte”.

Entre os autores, non faltou o poeta máis representativo desta comarca: Fiz Vergara Vilariño, así como a poeta e feminista Rosalía de Castro.

Así mesmo, dúas grandes figuras da literatura e da música galega contemporánea estiveron presentes neste acto: Xurxo Souto (como presentador) e Francisco Castro, que musicou e puxo voz a algúns dos poemas máis emblemáticos da nosa cultura.












domingo, 8 de marzo de 2026

Hoxe, 8 de Marzo, aprendemos un pouco máis da traxectoria de Mercedes Vázquez Saavedra

 

Hoxe, 8 de marzo, aprendemos un pouco máis dos traballos de Mercedes Vázquez Saavedra, a sarriá que inmortaliza coa súa cámara o noso patrimonio inmaterial.

O día 5 marzo gozamos no noso instituto da presenza de Mercedes Vázquez Saavedra, unha muller de gran relevancia na documentación do patrimonio inmaterial da nosa terra, constituíndo os seus traballos un importante legado histórico para a cultura galega. Foi entrevistada na radio do noso instituto, Radio Bolboreta, por algúns dos nos nosos alumnos e alumnas.

Mercedes Vázquez Saavedra, nacida en Sarria no ano 1949, é unha fotógrafa, escritora, etnógrafa e documentalista. Ademais de traballar como profesora e na Administración Pública, Mercedes foi unha emprendedora pioneira nunha época na que as mulleres tiñan aínda moitos atrancos no ámbito laboral. Ocuparíase da parte creativa dunha empresa familiar, que compaxinaría coa súa paixón pola fotografía e a escritura.

Dentro destes campos, centrou especialmente o seu interese na fotografía etnográfica, e a través da súa cámara, soubo captar non só imaxes, senón tamén memorias, identidades e formas de vida en risco de desaparecer. O seu traballo constitúe un valioso testemuño visual do patrimonio cultural, convertendo a fotografía nunha ferramenta de investigación, conservación e dignificación das comunidades retratadas.

Como fotógrafa especializouse no retrato das mulleres da raia entre Galicia, Castela e León e Portugal, coñecidas como arraianas. Así mesmo, son moi afamados os seus traballos documentando e impulsando os entroidos e a conservación da etnografía local vinculada a estas festividades.

Entre as súas publicacións atopamos os libros “Guía da Ribeira Sacra”; “Pobra de Brollón”; “María Mariño; do mar de Noia á Serra do Courel” ou “Ramón Piñeiro do val de Láncara a Compostela”. Tamén recibiu diversos recoñecementos públicos, como foi o caso do seu nomeamento como Arraiana Maior en 2021 ou o Premio Mestra da Memoria, outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en 2023.

Na actualidade, está a levarse unha exposición súa sobre fotografías femininas, titulada “Mulleres”, por todos os recunchos da xeografía da nosa terra. Aquí vos deixamos unha mostra dos seus traballos.

Foi un pracer para o IES Gregorio Fernández contar coa presenza desta gran figura da nosa cultura! Aquí deixamos algunhas das súas fermosas fotografías.








 
















venres, 6 de marzo de 2026

Educarse para construír sociedades máis humanas, solidarias e igualitarias!

 

Onte o IES Gregorio Fernández recibiu a visita da fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra, co obxecto de inaugurar unha nova instalación de vinilos na outra escaleira do edificio principal do centro, titulándose esta escada: “Amar as letras. Amar os números. Amar a vida”. As letras que titulan a escaleira son da autoría do escritor e músico Francisco Castro e foron creadas orixinalmente para este proxecto.

A través dos seus chanzos e coincidindo co 50 aniversario do centro, o IES Gregorio Fernández  pretende subliñar a importancia que ten a educación no enriquecemento persoal e social, e motivar así o noso alumnado para que valore a aprendizaxe como un proceso imprescindible para formarse como persoas que contribúan á creación de sociedades tolerantes, solidarias, igualitarias e humanas.

Os lemas foron escollidos entre as palabras achegadas por integrantes de toda a comunidade educativa. Estes son os seguintes: Máis educación, menos conflitos (de Andrea Hermida); Aprender a nosa lingua fainos máis libres (de Mª Luz Núñez); A educación, escaleira para acadar os teus soños (de Jesús Mejuto); A cultura é o fusil dos sensatos (de María Blanca Arza); Só a educación abre as portas da igualdade (de María Pilar Saavedra); Aprender é medrar libre (de María Luz García); A educación é o piar dunha sociedade (de Geni Valcárcel, concelleira de Sarria); Fórmate, entenderás a vida (de Isabel Rodríguez); A educación, un feixe de luz! (de Elena Corujo); e O coñecemento é poder! (de María Josefa García).

Así mesmo, Mercedes Vázquez inaugurou varios paneis que promoven a igualdade de xénero, titulados “Feminismo para escépticos” e elaborados para o Plan Proxecta+ “Donas de si” en colaboración co equipo de Dinamización da Lingua Galega. Estes paneis están ilustrados con algunhas imaxes desta fotógrafa, que ten unha longa traxectoria inmortalizando a mulleres galegas ou portuguesas (especialemnte as “arraianas”), constituíndo os seus traballos un importante legado para a cultura galega.

Estes paneis foron instalados no vestíbulo do edificio principal. Entre outras cuestións, recollen os resultados dunha indagación elaborada polo noso alumnado arredor da percepción que existe na contorna de Sarria sobre o significado do “feminismo” e sobre a importancia deste movemento. Entre as conclusións deste estudo, observamos que só un 40% das enquisadas e un 30% dos enquisados defínense como feministas. Así mesmo, un 50% das mulleres e un 70% dos homes opina que o feminismo discrimina os varóns, e nun 40% das respostas femininas e nun 65% das masculinas afírmase que na actualidade son as mulleres as que teñen máis dereitos.

Á par disto, explícase nestes paneis que o termo feminismo deriva do latín femĭna (‘muller’) e, combinado co sufixo -ismo, fai referencia a unha doutrina ou movemento social orientado a acadar a plena equidade de xénero. Así, a súa orixe non está vinculada á crenza nunha suposta superioridade feminina nin a un menosprezo cara aos homes ou á natureza da masculinidade. A orixe desta palabra remóntase ao século XIX, cando foi empregada por aquelas persoas que, de maneira valente e moi arriscada —expostas a duros castigos físicos, penais, ou morais—iniciaron loitas públicas contra a exclusión das mulleres dos novos conceptos de “democracia” ou “igualdade ante a lei” que enunciaban os nacentes sistemas liberais.

Estas reivindicacións feministas da Idade Contemporánea (sostidas durante dous séculos), sumadas ás loitas de outros homes e mulleres nas distintas etapas da Historia desde hai máis de dous mil anos, fixeron posible as conquistas legais que temos hoxe en día, castigándose penalmente a discriminación ou a violencia contra as mulleres en calquera espazo público ou privado.

Finalmente, Mercedes Vázquez foi entrevistada na radio escolar do centro, Radio Bolboreta, como unha actividade conxunta entre o Plan Proxecta+ "Donas de si" e o Programa Innova-lab (Mat-lab) no que tamén particicipamos. Este é un proxecto interdisciplinar no que se conxugan as Matemáticas, a Historia, as Ciencias Sociais e o mundo empresarial, co obxecto de abordar diversas perspectivas arredor do concepto de infinito.

Neste entrevista, o alumnado participante fixo ficapé na figura de Mercedes Vázquez Saavedra como muller empresaria pioneira en Sarria, cun negocio téxtil que abría as súas portas hai 50 anos e que constitiu un referente neste sector en toda a comarca.



https://sarriaxa.com/news/o-ies-gregorio-fernandez-inaugura-unha-escaleira-educativa-e-paneis-de-igualdade-da-man-de-mercedes-vazquez/117459/





















Os versos dalgúns dos nosos escritores e escritoras escóitanse en voz alta na celebración do Día da Poesía.

O pasado mércores 18 de marzo celebramos o Día da Poesía, que en Sarria está dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rey. Todos os centr...