venres, 20 de febreiro de 2026

Conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, muller adiantada ao seu tempo!

 


No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si”, en colaboración co Equipo de Dinamiación da Lingua Galega, convocamos o concurso titulado “Tunea a Rosalía” (co gallo da celebración do día dedicado a esta autora, o 23 de febreiro), no que o alumnado elaborou diferentes ilustracións ou representacións do rostro de Rosalía empregando unha técnica de libre elección.

Hoxe instalamos no vestíbulo do edificio 100 unha mostra destes traballos, cos que homenaxeamos a unha muller clave na loita feminista, así como varios carteis que anuncian a próxima conmemoración do 8 de marzo (para o que xa temos preparadas diversas sorpresas).

Queremos lembrar que esta figura fundamental da cultura da nosa terra rachou, tanto na súa vida como na súa obra, co paradigma de muller “ideal” submisa e abnegada propio da súa época. Nun contexto histórico no que as mulleres estaban relegadas a un papel de submisión á vontade dos varóns en todos os ámbitos públicos e privados, Rosalía participou activamente nos círculos intelectuais e políticos, intervindo nos debates culturais e sociais do seu tempo.

Na súa traxectoria vital defendeu a independencia das mulleres e que estas expresasen libremente as súas inquedanzas. Así mesmo, cuestionou os estereotipos de xénero tradicionais e denunciou as inxustizas que afectaban á nosa terra. É así un exemplo de coraxe e valentía, que hoxe en día continúa a inspirar as novas xeracións na defensa da emancipación das mulleres e na loita contra as aldraxes e inxustizas que padecen.

































domingo, 8 de febreiro de 2026

Nas dúas guerras mundiais as mulleres tamén construíron a historia!

 


As dúas guerras mundiais do século XX (1914-1928 e 1939-1945), conforman dous dos episodios máis dramáticos da Idade Contemporánea, que deixaron tras de si millóns de vítimas mortais e terribles secuelas físicas e psicolóxicas.

Porén, segue a ser necesaria unha reconstrución da súa historia, xa que o relato tradicional sobre estes sucesos esqueceu o papel neles das mulleres. Así, estas participaron  tanto nos combates armados como noutros ámbitos sociais ou económicos de gran relevancia. Neste sentido, elas tamén estiveron nos frontes de batalla (sufriron na súa propia carne os atroces padecementos asociados ás guerra) e ocuparon, ante a marcha dos varóns, os postos máis decisivos na produción industrial ou agrícola.

Desde o Ámbito Social da ESPA queremos homenaxear a estas mulleres e, co noso costume de achegar o museo á aula, o alumnado puido tocar e mesmo probarse un casco usado na II Guerra Mundial.


luns, 26 de xaneiro de 2026

Sementar educación constrúe sociedades máis xustas!

Participa con nós e crea un lema que motive a aprender! Que fomente a creación de sociedades máis xustas e igualitarias. As túas palabras engalanarán a nosa escada!




luns, 22 de decembro de 2025

Boas festas a todas/os!

 


Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernández felicitamos as festas en todas as linguas do noso alumnado incluíndo, por suposto, o idioma galego.

Tamén, aprobeitamos para lembrarnos novamente da figura dunha das primeiras aventureiras galegas: Exeria. Muller políglota e de gran cultura, no século IV realizaría unha longa viaxe a Terra Santa, que sería recollida no seu diario titulado Peregrinatio.

xoves, 18 de decembro de 2025

Lembramos a gran discriminación laboral das traballadoras galegas nos séculos XIX e XX e a importancia do Movemento Obreiro

 


O movemento obreiro foi nos século XIX e XX un puntal clave na paulatina consecución dos dereitos que se foron recoñecendo ao longo da Idade Contemporánea aos traballadores e traballadoras. Durante a Revolución Industrial, as condicións de vida do proletariado eran extremadamente duras: longuísimas xornadas de traballo (era común que alcanzasen as 14 horas diarias), salarios ínfimos, falta de hixiene e de proteción ante os riscos laborais, despido libre, ausencia do dereito de asociación ou explotación infantil.

Ante esta situación, algúns obreiros e obreiras emprenderon valentes e arduas protestas, cuxa suma sería fundamental nas mudanzas lexislativas que se foron sucedendo até a actualidade, aínda que cunha evolución moi lenta ante os atrancos da alta burguesía.

No caso das mulleres, a situación sería aínda máis dramática, xa que ademais de padecer tamén unhas condicións de traballo infrahumanas (e facerse cargo en exclusiva das tarefas domésticas e do coidado dos fillos e fillas), estaban fortemente discriminadas con respecto aos varóns, sendo común que cobrasen 1/3 ou a metade do salario que se lle pagaba aos seus compañeiros, que sufrisen todo tipo de abusos nos espazos laborais, a apertura de inxustos expedientes ante calquera denuncia das aldraxes que padecían ou o despido das traballadoras encintas.

En Galicia, no mes de decembro de 1857 produciríase unha das primeiras mobilización protagonizadas polas obreiras, coas protestas das cigarreiras da Real Fábrica de Tabacos da Coruña. Esta fábrica chegou a empregar arredor de 4.000 mulleres, sometidas a condicións laborais especialmente duras, caracterizadas por salarios moi baixos, longas xornadas de traballo e unha elevada precariedade. O desencadeante desta protesta, de natureza ludita, foi a incorporación de novas máquinas de picadura que diminuían de maneira significativa a demanda de man de obra. Este episodio, xunto con outras mobilizacións femininas, sería posteriormente retratado por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna (1883).

No Estado español, as primeiras leis que prohibiron os agravios de xénero no ámbito laboral non foron promulgadas até a II República (1931-1936), co recoñecemento pola Constitución de 1931, por primeira vez na historia, da interdición da discriminación por razón de sexo e do dereito das mulleres a acceder a calquera tipo de ocupación.

Porén, as mentalidades sociais terían unha evolución aínda máis lenta, e os medios de comunicación deste período fanse eco do menosprezo cara a forza de traballo das mulleres e da normalización da figura do home como sustentador principal e prioritario da economía doméstica (considerándose o traballo das mulleres como algo sempre auxiliar e complementario en casos de extrema necesidade).

No Ámbito Social da ESPA traballamos con este documento publicado en El Progreso en decembro de 1931, elaborado polo recoñecido médico galego Enrique Calvar e recollido nunha investigación realizada polo noso alumnado de adultos no curso 2021-22.

“El avance del feminismo -en todos los aspectos que se le considere- es en nuestro entender un daño que se le hace a la humanidad, daño que a la larga se traducirá por trastornos tan intensos (…) La mujer no sólo se diferencia del hombre por su aparato genital (…) realmente todo el organismo femenino está supeditado a la función de la reproducción (…) La psiquis femenina- por más que se pretenda- no podrá nunca parangonarse con la del varón, hasta el punto de que aquellas mujeres que intelectualmente alcanzaron elevadas tallas, deben este privilegio a lo que en sus estructuras llevan de hombre (…) La mujer pura -la feminidad por excelencia- es un tipo de mujer que no soporta sin graves trastornos un trabajo intelectual, enojoso, ni un obrerismo pesado y que responde enseguida con alteraciones orgánicas.”[1]

 

Señorans Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo femenino”, El Progreso, núm. 348. 2 dec. 1931, p. 1.



[1] Señorans Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo femenino”, El Progreso, núm. 348. 2 dec. 1931, p. 1.


mércores, 17 de decembro de 2025

Carmen Sobrado, gañadora do concurso de carteis contra a violencia de xénero!

 



A nosa alumna do Módulo 1 da ESPA, Carmen Sobrado, gañou o concurso de deseño de carteis en denuncia da violencia de xénero. Ademais de facer un fermoso traballo en tea e cartón, Carmen é unha incansable muller traballadora e unha activa feminista.

Parabéns en nome de todo o IES Gregorio Fernández!!


Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres

  No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...