venres, 7 de marzo de 2025

Todas somos bruxas!

 

Ao longo da historia a figura da meiga ou bruxa estivo asociada con aquelas mulleres libres que transgredían os roles tradicionais de xénero, e que non se conformaban con representar o papel de submisas, abnegadas e obedientes que a sociedade lles asignaba.

A asociación entre esta figura e o pecado ou a malignidade consolidaríase entre os séculos XVI e XVIII, e daría lugar a unha dramática persecución e represión contra as mulleres (centenares delas foron torturadas ou queimadas vivas ante a acusación de bruxería). As últimas execucións de bruxas son de 1782 (coa condena a morte da Ana Göldi), sete anos antes de que estalara a Revolución Francesa que marcaría o inicio da nosa era. Como exemplo gráfico desta aberración recollemos as palabras de Mona Chollet da súa obra: Bruxas. A forza invencible das mulleres (2020):

“Un obstáculo fundamental no camiño a atopar unha explicación reside no feito de que as acusacións contra as bruxas foran tan grotescas e incribles que non poidan ser comparadas con ningún outro motivo de crime. Como dar conta do feito de que durante máis de dous séculos en distintos países europeos, centos e centos de mulleres foron xulgadas, torturadas, queimadas vivas ou colgadas, acusadas de ter vendido o seu corpo e alma ao Demo e, por medios máxicos (...) causado a morte dos seus veciños, destruíndo gandos e cultivos, levantando tormentas e realizando unha cantidade maior de abominacións?

Desde o Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade” queremos facer unha homenaxe a todas estas mulleres, e pensamos que non é desacertado afirmar que todas somos bruxas!




luns, 24 de febreiro de 2025

Lembrando a Rosalía de Castro

 

O pasado domingo conmemoramos o día de Rosalía de Castro (1837-1885), unha afamada escritora galega que rachou tanto coa súa obra como coa súa propia vida cos estereotipos tradicionais de xénero. Como homenaxe a Rosalía, o Departamento de Lingua Galega integrante do Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade” editou unhas chapas para repartir entre a comunidade educativa.




mércores, 12 de febreiro de 2025

Celebramos o "Día da Candeloria" baixo o lema "Quéreme ben"

O IES Gregorio Fernández encheuse de poemas este mes de febreiro como celebración do “Día da Candeloria”, e foron moitos os alumnos e alumnas que participaron no noso concurso de poesía titulado “Quéreme ben”, convocado no marco do Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade”.



















mércores, 15 de xaneiro de 2025

Traballamos coas unidade didácticas: “Á violencia de xénero dille non” e “Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero”


O alumnado dalgúns cursos está a traballar coas unidades didácticas: “Á violencia de xénero dille non” (elaborada pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia) e “Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero” (de Gloria Isabel Serrato Azat). A través dela pretendemos contribuír a erradicar a lacra da violencia de xénero e fomentar entre o noso alumnado relacións afectivas sas e libres de humillacións, manipulacións, abusos ou chantaxes emocionais.



 

Concurso de poemas "Quéreme ben", organizado polo equipo do Plan Proxecta + "Por 365 días de respecto e igualdade"


 

venres, 10 de xaneiro de 2025

Chapas contra a violencia de xénero

 

O Departamento de Lingua Galega do IES Gregorio Fernández elaborou unhas chapas co obxecto de reflexionar sobre a lacra da violencia de xénero, así como de homenaxear e apoiar ás súas vítimas. Este Departamento forma parte do Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade” 2024/2025.




Traballos premiados no concurso de carteis titulado “A educación é a mellor arma contra a violencia de xénero”.

 














Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres

  No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...