domingo, 17 de abril de 2022

Unidades didácticas incluídas no Plan Proxecta+” Donas de Si” (curso 2021-2022)


Feminismos. A historia cóntana as vencedoras

Unidade didáctica realizada por Montse Pena Presas sobre a obra Feminismos. A historia cóntana as vencedoras de Anna Figueirido (2020), editada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

A través das súas actividades analízase e debátese acerca do lento camiño que percorreron os dereitos das mulleres e sobre as transformacións nas ideoloxías ou nas accións sociais dos diversos tipos de feminismo ao longo da historia: desde as “bases e pioneiras” do feminismo de primeira onda até a revolución de “mercar unha lavadora e queimar un suxeitador” da terceira onda feminista.



A escaleira desigual. A condesa rebelde 

Unidade Didáctica elaborada por Manuel Castelao e editada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Nas súas actividades, que parten do telefilme A Condesa rebelde (de Zara Ceballos e Puri Seixido), abórdanse diversos temas relativos á emancipación feminina nunha sociedade na que aínda estaban fortemente arraigados os estereotipos de xénero tradicionais.

 

 

Concepción Arenal. A visitadora de cárceres 

Unidade Didáctica elaborada por África B. López Souto (2014) a partir do filme do mesmo nome (dirixido por Laura Mañá e guionizado por Rafa Russo e Laura Mañá) e editada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Nela, abórdanse diversos aspectos relativos ao pensamento e actuación de Concepción Arenal: a importancia da mellora do nivel de instrución das mulleres e homes do século XIX, a dramática situación laboral feminina e a explotación obreira, ou a violencia física ou psicolóxica nas cárceres.

 


María Wonenburger: Unha científica adiantada ao seu tempo 

Unidade elaborada por María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar e editada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Este traballo contén unha serie de problemas matemáticos que están enmarcados en diversos episodios da traxectoria vital e académica de María Wonenburger.

Exposición “As primeiras Xornalistas”

 

Nesta exposición, que foi cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e estivo instalada no hall do noso centro, faise un percorrido pola biografía e as principais contribucións ao mundo do xornalismo de doce destacadas mulleres da nosa historia: Sofía Pérez Casanova, Concha Castroviejo Blanco-Cicerón,  Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato Muruais, María Luz Morales, Mercedes Vieito Bouza, Pura Vázquez Iglesias, Concepción Arenal, Clara Corral Aller, Virginia Felicia Auber, María Vinyals Ferrés e Avalina Valladares Núñez.

 




Entrevista a Dalila Dopazo Blanco, maxistrada do Xulgado do Social número 3 de Lugo

 

Os alumnos e alumnas de 4º da ESO entrevistaron en Radio Bolboreta á maxistrada do Xulgado do Social número 3 de Lugo Dalila Dopazo Blanco, que respondeu a diversas preguntas relativas á lexislación sobre a violencia de xénero. 

Podes escoitar a entrevista enteira no seguinte enlace:

https://www.ivoox.com/non-mais-violencia-machista-audios-mp3_rf_78923857_1.html






Actividades no IES Gregorio Fernández arredor do día de Rosalía no curso 2021-2022

 

Desde a biblioteca “Fiz Vergara Vilariño” realizouse un photocall no que os alumnos e alumnas tiñan que completar un cartel con poemas ou escritos de Rosalía de Castro.

Así mesmo, dentro das actividades de promoción da lectura no centro, colocáronse nun stand do vestíbulo algunhas das obras desta escritora que están dispoñibles na biblioteca.



Que se conmemora o día de Rosalía?

 


Este día conmemórase o nacemento da escritora galega Rosalía de Castro (un 23 de febreiro segundo as investigacións de Sagrario Abelleira).

 Rosalía, rachou tanto coa súa produción literaria como coa súa propia vida cos estereotipos tradicionais de xénero, que condenaban ás mulleres á submisión á vontade dos varóns e ao confinamento no espazo doméstico.

Actividades no IES Gregorio Fernández arredor do 25 de novembro no curso 2021-2022

 

Os profesores e profesoras do IES Gregorio Fernández promoveron a realización de diversas actividades arredor da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Entre elas, estivo a convocatoria dun concurso de carteis alusivos a esta data dirixido a todo o alumnado do centro, no que contamos cunha gran participación.

 








Tamén, foron colocados ao longo do centro diversos paneis alusivos á eliminación da violencia machista que os alumnos e alumnas foron completando con frases ou poemas de denuncia desta lacra:





Pola súa parte, o alumnado e o profesorado do centro participaron na recreación da palabra NON cos seus corpos.



Que se conmemora o 25 de novembro?

 


O 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que é unha lacra á que se enfrontaron ou enfrontan numerosas mulleres en todo o mundo.

A orixe desta data situámola arredor do movemento feminista en América Latina, xa que un 25 de novembro de 1981 foron asasinadas as irmás Mirabal na República Dominicana, activistas contra a ditadura de Rafael Trujillo.

Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres

  No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...