O sistema educativo xoga un papel esencial na
erradicación da discriminación de xénero. Desde o punto de vista dos estudos
universitarios, a matriculación das primeiras mulleres na universidade supuxo
unha importante ferramenta de loita contra todas aquelas voces que
tradicionalmente cuestionaban a capacidade intelectual destas.
Porén, en Galicia até 1896 non se matricula por
primeira vez unha alumna na Universidade de Santiago (na facultade de Farmacia),
que remataría a súa licenciatura en 1901. Nos anos seguintes o número de
alumnas universitarias iría incrementándose moi lentamente, até supoñer un 8%
do total do alumnado segundo o Anuario de 1934 (no contexto da II República).
Así mesmo, a instauración da II República (1931-1936)
daría lugar a un importante progreso noutros niveis educativos, reducíndose
significativamente o número de analfabetas (que pasou dun 69% a comezos do
século XX a un 35% a finais do período republicano).
De igual xeito, no camiño cara a destrución dos roles
tradicionais de xénero, cómpre destacar a importancia da reforma educativa elaborada
durante o período republicano, coa implantación por primeira vez na historia do
Estado español dun ensino completamente laico e da liberdade de Cátedra, así
como da coeducación dos nenos e nenas equiparándose os seus itinerarios
formativos.
Non obstante, todas estas conquistas veríanse
interrompidas co estalido en 1936 da Guerra Civil e coa posterior instauración
da ditadura franquista. Así, ademais da dura represión que afectou a numerosos
docentes e a reconstrución dos contidos educativos para a súa adaptación aos principios
da ditadura, eliminaríase a coeducación entre nenos e nenas ou a equidade nos
itinerarios formativos.
Nos anos 70, nun contexto de apertura ao exterior e de
importantes mudanzas sociais, promulgouse a Lei Villar Palasí coa creación da Educación
Xeral Básica e do ensino obrigatorio ata os 14 años para ambos sexos. Tras a
EXB accedíase ao Bacharelato Unificado e Polivalente (BUP) e superado este ao denominado
Curso de Orientación Universitaria (COU), como paso previo á universidade.
Esta reforma educativa supuxo un importante salto cuantitativo e cualitativo na formación das mulleres, e a partir dos anos 90 a porcentaxe de alumnas universitarios superaba aos alumnos nas tres universidades públicas galegas. Así e todo, a perpetuación dos roles tradicionais de xénero daría lugar a que a presenza das mulleres nas carreiras científicas ou técnicas seguise a ser moi minoritaria, tendencia que comeza a racharse nos últimos anos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario