domingo, 19 de outubro de 2025

Proxecto “Escada da igualdade”

 

Os/as integrantes do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26 e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernñandez de Sarria realizamos o seguinte chamamento:

Pon o teu chanzo na escada pola igualdade!

O IES Gregorio Fernández vai a construír no edificio principal unha escaleira titulada “A igualdade é de xustiza”, conformada por chanzos nos que colocaremos frases que contribúan á loita pola equidade entre homes e mulleres.

Encantaríanos contar coa colaboración de toda a comunidade educativa. Se queres participar, idea un lema moi curto (de 8 palabras como máximo contando as preposicións) alusivo ao fomento da igualdade de xénero e entrégao en conserxaría (xunto co teu nome e apelidos). O prazo remata o 19 de outubro.

Os mellores lemas quedarán inscritos para a posteridade na nosa escada, que será inaugurada o 13 de novembros por tres xuíces/as galegos!: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Dalila Dopazo Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3 de Lugo e Luís Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.



domingo, 5 de outubro de 2025

Unha rúa para Herminia Ramírez Tornos!





           Desde o Plan Proxecta+ “Donas de Si” 2025/26 queremos dar pulo á figura de Herminia Ramírez Tornos, unha muller adiantada ao seu tempo que rachou cos estereotipos de xénero. Herminina, natural de Sarria, foi a primeira radioafeccionada de Galicia. O seu tío, Joaquín Ramírez, era un destacado fotógrafo que publicou algúns dos seus traballos na revista Vida Gallega (1916- 1929), ademais de rexentar un negocio en Sarria no que se comercializaban, entre outras cousas, aparatos de radio. (vid. https://ea1uro.com/radio/herminia/).

Sarria é unha localidade da provincia de Lugo moi vinculada historicamente ao Camiño de Santiago, o que a converteu nun punto de encontro de peregrinos e peregrinas chegados de diversas partes do mundo. Porén, a pesar deste carácter cosmopolita e da riqueza do seu patrimonio cultural ou artístico, existe un escaso recoñecemento no trazado das súas rúas do importante papel que tiveron as mulleres no devir histórico desta vila e de toda a comunidade galega. Así, se facemos unha pescuda a través do nomes do seu rueiro, atopamos só a presenza de cinco figuras femininas: Rosalía de Castro, a Marquesa de Casa López, Xela  Arias ou as irmás García Vázquez.

A primeira é unha afamada escritora que foi clave no Rexurdimento galego, xunto a homes como Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Rosalía de Castro (1837-1885) rachou cos estereotipos femininos propios do seu tempo, reivindicando o acceso das mulleres á educación como primeiro paso para acadar a súa dignificación social. Entre as súas obras máis destacadas estarían Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880). Outras mulleres galegas nadas tamén na primeira metade do século XIX e que acadarían unha importante proxección cultural serían Juana de Vega (1805-1872) ou Concepción Arenal (1820-1893).

No tocante a Andrea de Andrés López (Marquesa de Casa López), foi unha muller emprendedora que no século XIX dirixiu, xunto ao seu esposo Matías López (que chegaría a ser nomeado por Alfonso XII como Senador Vitalicio), as fábricas de chocolates coñecidas como “Chocolates y Dulces Matías López”. Os seus produtos tiveron un grande éxito tanto no Estado español como alén das nosas fronteiras, e algúns dos seus beneficios serían empregados en obras caritativas orientadas ao auxilio social. Tras o falecemento do seu esposo, en maio de 1896 o papa León XIII concederíalle o título de Marquesa de Casa López.

              En relación á rúa dedicada a Xela Arias (1962-2003), foi inaugurada en 2021 en substitución do antigo nome de José Antonio Primo de Rivera (fundador da Falanxe Española) ao abeiro da aprobación da Lei de Memoria Histórica no ano 2007, que impulsaría o recoñecemento social das vítimas da Guerra Civil e da ditadura de Franco (e que daría lugar tamén ao cambio do nome da rúa Calvo Sotelo polo de rúa da Liberdade). Xela foi unha destacada docente, escritora e tradutora orixinaria de Sarria, que segundo algúns críticos literarios estaría adscrita á corrente coñecida como “poesía de muller”, xunto a poetas cunha destacada traxectoria cultural como Olga Novo ou Yolanda Castaño. A Real Academia Galega dedicaríalle o Día das Letras Galegas no ano 2021.

              En último lugar, no caso das irmás García Vázquez, María Rosario e Mercedes, realizaron importantes contribucións económicas orientadas a diversas obras sociais ou de tipo relixioso, como foi o caso das súas achegas para a construción da Residencia de Anciáns “Nosa Señora do Carme” (arredor da cal está situada a rúa que leva o seu nome) ou para a construción da igrexa parroquial de Sarria.

              Á marxe destas rúas con nome propio, destacaríamos tamén a existencia na vila de Sarria dunha rúa chamada Meigas. Esta denominación adquire unha grande importancia como homenaxe ás numerosas mulleres que foron torturadas e condenadas a morte ante a acusación de practicar a bruxería (especialmente nos séculos XV e XVI). Esta acusación vertíase xeralmente sobre aquelas mulleres que desafiaban os roles tradicionais de xénero, nos que se asociaba a feminidade coa submisión, a abnegación e a obediencia cega aos varóns.

              Noutra orde de cuestións, algúns alumnos e alumnas do IES Gregorio Fernández realizaron unha pescuda arredor da concienciación que existe entre a poboación da contorna de Sarria sobre a importancia de dar visibilidade á contribución das mulleres á sociedade ou á historia a través de actos simbólicos como o nomeamento de rúas. Así, entre outros aspectos, preguntaríase aos enquisados/as se consideran que é unha discriminación o feito de que sexan tan escasas as rúas con nome de muller ou se cren que o recoñecemento do papel histórico dalgunhas mulleres outorgándolles o seu nome a unha rúa contribúe a favorecer a igualdade de xénero.

              Neste sentido, sen ter en conta as variables do sexo ou da idade, é rechamante que arredor dun 50% dos enquisados/as non considera que a escaseza de rúas en feminino sexa unha discriminación cara as mulleres. No tocante á pregunta relativa a se consideran que o recoñecemento da contribución social das mulleres a través da denominación das rúas repercute de maneira significativa na igualdade de xénero, darían unha resposta afirmativa un 65% das persoas enquisadas.

Pola súa parte, no ítem no que se tiña que propoñer nomes de mulleres que fosen merecentes de figurar no rueiro da Sarria, atopamos tanto a figuras de gran relevancia histórica como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Clara Campoamor como a mulleres do presente como Alice Kellen, Greta Thumberg ou Ana Peleteiro.

Finalmente, cómpre subliñar que a escasa porcentaxe de rúas dedicadas a mulleres en Sarria (12%) é equiparable ao que sucede noutras localidades de tamaño similar dentro da provincia de Lugo, como é o caso de Vilalba (12%), Monforte de Lemos (10%) ou Ribadeo (15%).[1] Isto é unha mostra máis do común esquecemento en toda a comunidade galega (e en todo o estado) do papel histórico desempeñado polas mulleres.

Ollemos, para rematar, algunhas imaxes destas rúas de Sarria con nome propio de muller:

                       






















martes, 16 de setembro de 2025

Coa Trata non hai Trato!

 



Coa Trata non hai Trato!

O 23 de setembro celébrase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Esta é unha dramática realidade que segue a existir na nosa sociedade, e que condena a miles de homes e mulleres ao horror de estar privados de liberade e a ser explotados sexualmente ou como man de obra practicamente escravizada.

No IES Gregorio Fernández organizamos o pasado curso escolar unha charla-coloquio arredor do tráfico e a trata de mulleres en España a cargo da asociación Aliad Ultreia (no marco das actividades do Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade”), e nos vindeiros anos seguiremos a impulsar a loita contra esta terrible explotación.

Toda a comunidade educativa rexeitamos esta lacra! Non máis explotación nin aldraxe!

luns, 19 de maio de 2025

Charla-coloquio sobre o tráfico e a trata de mulleres en España a cargo da asociación Aliad Ultreia

 




O alumnado da Formación Profesional Básica asistiu a unha charla-coloquio sobre a trata de mulleres en España impartida pola asociación Aliad Ultreia, no marco das actividades levadas a cavo no Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade”. Nesta charla abordouse desde distintos puntos de vista a problemática da explotación sexual e os novos mecanismos de captación de mulleres que empregan na actualidade as redes dedicadas ao tráfico de persoas.

venres, 16 de maio de 2025

Día das Letras Galegas en clave de muller

 

As mulleres cobran un especial protagonismo o Día das Letras Galegas deste ano 2025. A labor das cantareiras e pandereteiras galegas na transmisión do noso legado cultural personifícase na figura de sete mulleres. Segundo a RAG “catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. As outras cantareiras de Mens, Teresa García Prieto e Prudencia Garrido, non foron informantes de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía."

No IES Gregorio Fernández quixemos participar nesta homenaxe dunha maneira especial, e o Departamento de Lingua Galega editou unhas chapas conmemorativas que foron repartidas entre a comunidade educativa.



Obradoiro sobre a violencia de xénero: "O machismo é violencia con todas as letras"

 

Os alumnos/as de 4º da ESO asistiron hoxe a un interesante obradoiro titulado “O machismo é violencia con todas as letras”, no que se abordou a temática da violencia de xénero desde distintos puntos de vista. A actividade forma parte do Plan Proxecta+ "Por 365 días de respecto e igualdade."

Neste obradoiro interviu unha profesional en igualdade de xénero e prevención da violencia, un educador social especializado en novas masculinidades e unha muller que falou en primeira persoa da súa eperiencia como supervivinte de situacións de violencia de xénero.









luns, 31 de marzo de 2025

Espectáculo teatral "Mozas nas redes"

 



O Venres 28 de marzo algúns dos nosos alumnos e alumnas asistiron no IES Gregorio Fernández ao espectáculo teatral “Mozas nas redes”, protagonizado por Estíbaliz Veiga, e que forma parte das actividades organizadas no marco do Plan Proxecta+ “Por 365 días de respecto e igualdade”. Esta obra está orientada á reflexión sobre as novas formas de violencia sexual que acontecen no entorno das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres

  No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...