martes, 4 de novembro de 2025
venres, 31 de outubro de 2025
Francisco Castro Veloso visitaranos en marzo no Día da Poesía!
Na conmemoración do Día da Poesía en Sarria (dedicado ao noso querido
compañeiro Eduardo Rei) teremos este ano a sorte de contar coa presenza do
escritor e cantautor Francisco Castro Veloso. Nalgunhas das súas actuacións,
este home imprescincible para as nosas letras, pon voz aos poemas máis
emblemáticos da cultura galega, achegando a poesía a moitos recunchos da nosa
terra e a todas as xeracións.
Estamos nun tempo moi necesitado de boa música como a de Francisco e de
poesía, así como de que se poña en valor a lingua do noso pobo, que esmorece
velozmente ante a impasividade de moitas institucións culturais. Trunfan as mentalidades que menosprezan e negan a importancia do
idioma galego como soporte das nosas tradicións e da nosa idiosincrasia,
cuestionando a utilidade da súa conservación en beneficio do progreso técnico e
da ultramecanización da sociedade, que supostamente poden facilitar as nosas
vidas.
Porén, seguimos na Idade Contemporánea nun camiño errado, e nos centros
escolares debemos contribuír a destruír a proxección destas mentalidades que
favorecen a tendencia á deshumanización do sistema educativo. Hoxe en día,
existe unha liña pedagóxica que defende sen pudor que deben
prevalecer aquelas materias que semellan ter unha utilidade práctica inmediata,
fronte ás aprendizaxes “inútiles” vinculadas á literatura, á filosofía, ás
artes, á historia ou ás ciencias sociais.
Sen pretender divagar sobre os efectos tremendamente negativos de
descoñecer os erros do pasado e as reflexións e consellos dos homes e mulleres
poetas, literatos, filósofos ou historiadores que transitaron e transitan pola
nosa civilización, queremos subliñar como docentes que son estas aprendizaxes
humanísticas as que fornecen o espírito crítico e a liberdade das conciencias,
as que nacen das emocións e dos sentimentos dos pobos, é dicir, de todo aquilo
que non poden facer as máquinas.
Moitísimas grazas
a Francisco Castro por achegarse a Sarria e por esa importante labor cultural
que está a facer pola nosa xeografía, en beneficio de todos e todas nós. Deixamos neste enlace unha das súas actuacións para ir abrindo boca até o 18 de marzo!:
mércores, 29 de outubro de 2025
Aproveitamos o Samaín para lembrarnos da historia das mulleres!
Unha vez máis, unimos neste blog a loita contra a discriminación de xénero e a visibilización da historia real das mulleres, coa potenciación do uso da lingua galega e a proteción da cultura tradicional da nosa terra.
Así, no IES Gregorio Fernández tamén
celebramos o Samaín. Esta conmemoración toma o seu nome do gaélico “Samhain”,
que é unha antiga festividade celta que marcaba o paso ao outono e o comezo do
“ano escuro”. Neste contexto, críase que o 31 de outubro a conexión entre os
vivos e os mortos era máis intensa, cruzando numerosos o espíritos ao mundo
terreal.
Posteriormente, deu lugar en
Galicia—vinculada na Idade Antiga á cultura celta— á creación dunha festividade
na que os nenos e nenas se disfrazaban de seres monstruosos procedentes dos
espazos infernais e malignos. Hoxe en día, a diversión que xera esta festa estendeuse
a moitos outros territorios.
No caso das bruxas, os integrantes do Plan Proxecta “Donas de Si” 2025-25,
aproveitamos, como noutras ocasións, para homenaxear aos centos de mulleres que
foron torturadas e condenadas a morte ante a acusación de bruxería. Este foi o
caso da afamada canguesa María Soliña (podes saber máis dela no seguinte enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=IDds1hz5uQ0).
Desgraciadamente, a persecución das bruxas,
que segundo as antigas mentalidades eran seres pérfidos ou do inframundo que
causaban grandes danos e catástrofes, deu lugar a este capítulo tan negro da nosa
historia. En realidade, a acusación de bruxería empregouse como castigo para
aquelas mulleres que non se adecuaron aos roles femininos tradicionais, entre
os que estaba a obediencia cega e abnegada á vontade dos homes.
Con estas cabazas e atrezo en
forma de bruxa, o noso alumnado pretende facer unha homenaxe a estas
mulleres, e neste Samaín “Todas somos bruxas!”.
domingo, 19 de outubro de 2025
Que a lingua galega sexa o colo dos nosos soños!
No IES Gregorio Fernández vimos unindo nos últimos anos nalgunhas
actividades a loita pola igualdade de xénero e a reivindicación da promoción da
lingua galega, xa que son dúas causas semellantes. Así, ambas teñen por obxecto
acadar o respecto, a dignidade e a igualdade para as mulleres ou para o noso
idioma, e tanto a metade feminina da sociedade como a lingua galega son sensibles a
sufrir exclusión, rexeitamento ou inxustizas nalgúns ámbitos sociais.
Dentro das actividades do Correlingua 2025/26, convocouse un concurso para escoller o lema que
impulsará nesta convocatoria a promoción da lingua galega, cun prazo xa rematado.
No noso centro presentouse o lema: “Que a lingua galega sexa o colo dos nosos soños”.
A este respecto, a palabra “colo” é unha das máis antigas da historia de
Galicia, á que xa se faría referencia, na súa versión latina collum,
na Peregrinatio escrita por Exeria no século IV da nosa era.
Esta muller galega, de procedencia aínda hoxe incerta e que puido pertencer ao
monacato segundo algúns autores, realizaría unha peregrinación a Terra Santa
que quedaría recollida na mencionada obra.
Pola súa parte, existe un dito popular que fai alusión a que “a túa lingua
é aquela na que soñas”. Que todos/as cheguemos a soñar na nosa fala nai é unha
fermosa utopía que quizais algún día tórnase en realidade.
Finalmente, cómpre subliñar que na lingua irmá portuguesa recóllese
igualmente esta palabra co mesmo significado de “regazo” .
Que as nosas palabras destrúan a violencia!
No marco do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26 e das actividades levadas a cabo polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernández de Sarria, convócase o seguinte concurso de deseño de carteis de cara á conmemoración do 25 de Novembro, baixo o lema “Que as nosas palabras destrúan a violencia!”:
· Pode participar neste concurso todo o alumnado do IES Gregorio Fernández. O traballo consiste no deseño dun cartel no que se escriba un lema (en lingua galega) alusivo á loita contra a violencia de xénero. O material do cartel é libre (cartolina, folio, tela, etc.). Establécense dous premios: un para o alumnado de ESO e FPB e outro para o alumnado de BAC, ESPA e Ciclos. O prazo para entregar os traballos (ao profesorado participante no Plan Proxecta+) remata o 4 de novembro de 2025.
Proxecto “Escada da igualdade”
Os/as integrantes do Plan Proxecta+ “Donas de si” 2025/26 e do Equipo de
Dinamización da Lingua Galega do IES Gregorio Fernñandez de Sarria realizamos o seguinte chamamento:
Pon o teu chanzo na escada pola igualdade!
O IES Gregorio Fernández vai a construír no edificio principal unha escaleira titulada “A igualdade é de xustiza”, conformada por chanzos nos que colocaremos
frases que contribúan á loita pola equidade entre homes e mulleres.
Encantaríanos contar coa colaboración de toda a comunidade educativa. Se
queres participar, idea un lema moi curto (de 8 palabras como máximo contando
as preposicións) alusivo ao fomento da igualdade de xénero e entrégao en
conserxaría (xunto co teu nome e apelidos). O prazo remata o 19 de outubro.
Os mellores lemas quedarán inscritos para a posteridade na nosa escada, que
será inaugurada o 13 de novembros por tres xuíces/as galegos!: Sandra Piñeiro
Vilas, xuíza e presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Dalila Dopazo
Blanco, xuíza e maxistrada do Xulgado do Social núm. 3 de Lugo e Luís
Villares Naveira, xuíz e maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
domingo, 5 de outubro de 2025
Unha rúa para Herminia Ramírez Tornos!
Sarria é
unha localidade da provincia de Lugo moi vinculada historicamente ao Camiño de
Santiago, o que a converteu nun punto de encontro de peregrinos e peregrinas
chegados de diversas partes do mundo. Porén, a pesar deste carácter cosmopolita
e da riqueza do seu patrimonio cultural ou artístico, existe un escaso
recoñecemento no trazado das súas rúas do importante papel que tiveron as
mulleres no devir histórico desta vila e de toda a comunidade galega. Así, se
facemos unha pescuda a través do nomes do seu rueiro, atopamos só a presenza de
cinco figuras femininas: Rosalía de Castro, a Marquesa de Casa López, Xela Arias ou as irmás García Vázquez.
A
primeira é unha afamada escritora que foi clave no Rexurdimento galego, xunto a
homes como Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Rosalía de Castro (1837-1885)
rachou cos estereotipos femininos propios do seu tempo, reivindicando o acceso
das mulleres á educación como primeiro paso para acadar a súa dignificación
social. Entre as súas obras máis destacadas estarían Cantares Gallegos
(1863) e Follas Novas (1880). Outras mulleres galegas nadas tamén na
primeira metade do século XIX e que acadarían unha importante proxección
cultural serían Juana de Vega (1805-1872) ou Concepción Arenal (1820-1893).
No tocante a Andrea de Andrés López (Marquesa de Casa López), foi unha
muller emprendedora que no século XIX dirixiu, xunto ao seu esposo Matías López
(que chegaría a ser nomeado por Alfonso XII como Senador Vitalicio), as
fábricas de chocolates coñecidas como “Chocolates y Dulces Matías López”. Os seus produtos tiveron un grande éxito
tanto no Estado español como alén das nosas fronteiras, e algúns dos seus
beneficios serían empregados en obras caritativas orientadas ao auxilio social.
Tras o falecemento do seu esposo, en maio de 1896 o
papa León XIII concederíalle o título de Marquesa de Casa López.
En relación á rúa dedicada a Xela Arias (1962-2003), foi inaugurada en
2021 en substitución do antigo nome de José Antonio Primo de Rivera (fundador
da Falanxe Española) ao abeiro da aprobación da Lei de Memoria Histórica no
ano 2007, que impulsaría o recoñecemento social das vítimas da Guerra Civil e
da ditadura de Franco (e que daría lugar tamén ao cambio do nome da rúa Calvo
Sotelo polo de rúa da Liberdade). Xela foi unha
destacada docente, escritora e tradutora orixinaria de Sarria, que segundo
algúns críticos literarios estaría adscrita á corrente coñecida como “poesía de
muller”, xunto a poetas cunha destacada traxectoria cultural como Olga Novo ou
Yolanda Castaño. A Real Academia Galega dedicaríalle o Día das Letras Galegas
no ano 2021.
Noutra orde de cuestións, algúns alumnos e alumnas do
IES Gregorio Fernández realizaron unha pescuda arredor da concienciación que
existe entre a poboación da contorna de Sarria sobre a importancia de dar
visibilidade á contribución das mulleres á sociedade ou á historia a través de
actos simbólicos como o nomeamento de rúas. Así, entre outros aspectos,
preguntaríase aos enquisados/as se consideran que é unha discriminación o feito
de que sexan tan escasas as rúas con nome de muller ou se cren que o recoñecemento
do papel histórico dalgunhas mulleres outorgándolles o seu nome a unha rúa
contribúe a favorecer a igualdade de xénero.
Neste sentido, sen ter en conta as variables do sexo ou
da idade, é rechamante que arredor dun 50% dos enquisados/as non considera que
a escaseza de rúas en feminino sexa unha discriminación cara as mulleres. No
tocante á pregunta relativa a se consideran que o recoñecemento da contribución
social das mulleres a través da denominación das rúas repercute de maneira
significativa na igualdade de xénero, darían unha resposta afirmativa un 65%
das persoas enquisadas.
Pola súa
parte, no ítem no que se tiña que propoñer nomes de mulleres que fosen
merecentes de figurar no rueiro da Sarria, atopamos tanto a figuras de gran
relevancia histórica como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Clara
Campoamor como a mulleres do presente como Alice Kellen, Greta Thumberg ou Ana
Peleteiro.
Finalmente,
cómpre subliñar que a escasa porcentaxe de rúas dedicadas a mulleres en Sarria
(12%) é equiparable ao que sucede noutras localidades de tamaño similar dentro
da provincia de Lugo, como é o caso de Vilalba (12%), Monforte de Lemos (10%)
ou Ribadeo (15%).[1] Isto é
unha mostra máis do común esquecemento en toda a comunidade galega (e en todo o
estado) do papel histórico desempeñado polas mulleres.
Ollemos, para rematar, algunhas imaxes
destas rúas de Sarria con nome propio de muller:
Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres
No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...
-
Na conmemoración do Día da Poesía en Sarria (dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rei) teremos este ano a sorte de contar coa prese...
-
Hoxe tivemos a sorte de contar no noso instituto coa presenza de tres xuíces/as e maxistrados/as galegos: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e ma...
-
Durante o século XVIII, a chegada da Ilustración —principalmente en Francia— daeu lugar á aparición de novas correntes de pensamento que col...








.jpg)










