luns, 25 de novembro de 2024

Exposición didáctica sobre a violencia de xénero na Historia elaborada para o Plan Proxexta+ "Por 365 días de respecto e igualdade" 2024-2025

 






































25 de Novembro. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 

O IES Gregorio Fernández levou a cabo diversas actividades para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Entre elas, no marco do Plan Proxecta+ titulado “Por 365 días de respecto e igualdade”, elaborouse unha exposición didáctica sobre o tratamento histórico da violencia de xénero desde o punto de vista político ou xurídico, e un concurso de carteis (que contou cunha alta participación entre o alumnado de todo o centro) cun slogan alusivo ao lema “A educación é a mellor arma contra a violencia de xénero.” Na organización destas actividades participaron membros/as dos departamentos de Administración, Electricidade e Electrónica, FOL, Francés, Instalación e Mantemento, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega, Música e Xeografía e Historia.

Así mesmo, tamén dentro deste Plan Proxecta+, o alumnado da Educación Secundaria de Adultos do IES Gregorio Fernández de Sarria elaborou un pequeno estudo sobre o grao de coñecemento por parte dos homes e mulleres da contorna de Sarria sobre o significado da “violencia de xénero” e sobre as mudanzas lexislativas que se deron a este respecto na Idade Contemporánea.

















xoves, 2 de marzo de 2023

Palestra da profesora da facultade de Veterinaria Ruth Rodríguez Bermúdez: "As mulleres nas ciencias"




O sistema educativo xoga un papel esencial na erradicación da discriminación de xénero. Desde o punto de vista dos estudos universitarios, a matriculación das primeiras mulleres na universidade supuxo unha importante ferramenta de loita contra todas aquelas voces que tradicionalmente cuestionaban a capacidade intelectual destas.

Porén, en Galicia até 1896 non se matricula por primeira vez unha alumna na Universidade de Santiago (na facultade de Farmacia), que remataría a súa licenciatura en 1901. Nos anos seguintes o número de alumnas universitarias iría incrementándose moi lentamente, até supoñer un 8% do total do alumnado segundo o Anuario de 1934 (no contexto da II República).

Así mesmo, a instauración da II República (1931-1936) daría lugar a un importante progreso noutros niveis educativos, reducíndose significativamente o número de analfabetas (que pasou dun 69% a comezos do século XX a un 35% a finais do período republicano).

De igual xeito, no camiño cara a destrución dos roles tradicionais de xénero, cómpre destacar a importancia da reforma educativa elaborada durante o período republicano, coa implantación por primeira vez na historia do Estado español dun ensino completamente laico e da liberdade de Cátedra, así como da coeducación dos nenos e nenas equiparándose os seus itinerarios formativos.

Non obstante, todas estas conquistas veríanse interrompidas co estalido en 1936 da Guerra Civil e coa posterior instauración da ditadura franquista. Así, ademais da dura represión que afectou a numerosos docentes e a reconstrución dos contidos educativos para a súa adaptación aos principios da ditadura, eliminaríase a coeducación entre nenos e nenas ou a equidade nos itinerarios formativos.

Nos anos 70, nun contexto de apertura ao exterior e de importantes mudanzas sociais, promulgouse a Lei Villar Palasí coa creación da Educación Xeral Básica e do ensino obrigatorio ata os 14 años para ambos sexos. Tras a EXB accedíase ao Bacharelato Unificado e Polivalente (BUP) e superado este ao denominado Curso de Orientación Universitaria (COU), como paso previo á universidade.

Esta reforma educativa supuxo un importante salto cuantitativo e cualitativo na formación das mulleres, e a partir dos anos 90 a porcentaxe de alumnas universitarios superaba aos alumnos nas tres universidades públicas galegas. Así e todo, a perpetuación dos roles tradicionais de xénero daría lugar a que a presenza das mulleres nas carreiras científicas ou técnicas seguise a ser moi minoritaria, tendencia que comeza a racharse nos últimos anos. 

Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres

  No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...