Participa con nós e crea un lema que motive a aprender! Que fomente a creación de sociedades máis xustas e igualitarias. As túas palabras engalanarán a nosa escada!
luns, 26 de xaneiro de 2026
mércores, 21 de xaneiro de 2026
luns, 22 de decembro de 2025
Boas festas a todas/os!
Desde o Equipo de Dinamización da
Lingua Galega do IES Gregorio Fernández felicitamos as festas en todas as
linguas do noso alumnado incluíndo, por suposto, o idioma galego.
Tamén, aprobeitamos para lembrarnos novamente da
figura dunha das primeiras aventureiras galegas: Exeria. Muller políglota e de gran cultura, no século IV realizaría unha longa viaxe a Terra Santa, que sería recollida no seu diario titulado Peregrinatio.
xoves, 18 de decembro de 2025
Lembramos a gran discriminación laboral das traballadoras galegas nos séculos XIX e XX e a importancia do Movemento Obreiro
O movemento obreiro foi nos século XIX e XX un puntal clave na paulatina
consecución dos dereitos que se foron recoñecendo ao longo da Idade
Contemporánea aos traballadores e traballadoras. Durante a Revolución
Industrial, as condicións de vida do proletariado eran extremadamente duras:
longuísimas xornadas de traballo (era común que alcanzasen as 14 horas
diarias), salarios ínfimos, falta de hixiene e de proteción ante os riscos
laborais, despido libre, ausencia do dereito de asociación ou explotación
infantil.
Ante esta situación, algúns obreiros e obreiras emprenderon valentes
e arduas protestas, cuxa suma sería fundamental nas mudanzas lexislativas que
se foron sucedendo até a actualidade, aínda que cunha evolución moi lenta ante
os atrancos da alta burguesía.
No caso das mulleres, a situación sería aínda máis dramática, xa que
ademais de padecer tamén unhas condicións de traballo infrahumanas (e facerse
cargo en exclusiva das tarefas domésticas e do coidado dos fillos e fillas),
estaban fortemente discriminadas con respecto aos varóns, sendo común que
cobrasen 1/3 ou a metade do salario que se lle pagaba aos seus compañeiros, que
sufrisen todo tipo de abusos nos espazos laborais, a apertura de inxustos
expedientes ante calquera denuncia das aldraxes que padecían ou o despido das
traballadoras encintas.
En Galicia, no mes de decembro de 1857 produciríase unha das primeiras mobilización
protagonizadas polas obreiras, coas protestas das cigarreiras da Real Fábrica
de Tabacos da Coruña. Esta
fábrica chegou a empregar arredor de 4.000 mulleres, sometidas a condicións
laborais especialmente duras, caracterizadas por salarios moi baixos, longas
xornadas de traballo e unha elevada precariedade. O desencadeante desta
protesta, de natureza ludita, foi a incorporación de novas máquinas de picadura
que diminuían de maneira significativa a demanda de man de obra. Este
episodio, xunto con outras mobilizacións femininas, sería posteriormente
retratado por Emilia Pardo Bazán na súa novela La Tribuna (1883).
No Estado español, as primeiras leis que prohibiron os agravios de xénero
no ámbito laboral non foron promulgadas até a II República (1931-1936), co
recoñecemento pola Constitución de 1931, por primeira vez na historia, da
interdición da discriminación por razón de sexo e do dereito das mulleres a
acceder a calquera tipo de ocupación.
Porén, as mentalidades sociais terían unha evolución aínda máis lenta, e os
medios de comunicación deste período fanse eco do menosprezo cara a forza de
traballo das mulleres e da normalización da figura do home como sustentador
principal e prioritario da economía doméstica (considerándose o traballo das
mulleres como algo sempre auxiliar e complementario en casos de extrema
necesidade).
No Ámbito Social da ESPA traballamos con este documento publicado en El
Progreso en decembro de 1931, elaborado polo recoñecido médico galego
Enrique Calvar e recollido nunha investigación realizada polo noso alumnado de
adultos no curso 2021-22.
“El avance del feminismo -en todos los
aspectos que se le considere- es en nuestro entender un daño que se le hace a
la humanidad, daño que a la larga se traducirá por trastornos tan intensos (…)
La mujer no sólo se diferencia del hombre por su aparato genital (…) realmente
todo el organismo femenino está supeditado a la función de la reproducción (…)
La psiquis femenina- por más que se pretenda- no podrá nunca parangonarse con
la del varón, hasta el punto de que aquellas mujeres que intelectualmente alcanzaron
elevadas tallas, deben este privilegio a lo que en sus estructuras llevan de
hombre (…) La mujer pura -la feminidad por excelencia- es un tipo de mujer que
no soporta sin graves trastornos un trabajo intelectual, enojoso, ni un
obrerismo pesado y que responde enseguida con alteraciones orgánicas.”[1]
Señorans
Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo femenino”, El Progreso, núm.
348. 2 dec. 1931, p. 1.
[1] Señorans Calvar, Enrique. “Temas médicos. Obrerismo
femenino”, El Progreso, núm. 348. 2 dec. 1931, p. 1.
mércores, 17 de decembro de 2025
Carmen Sobrado, gañadora do concurso de carteis contra a violencia de xénero!
A nosa alumna do Módulo 1 da ESPA, Carmen Sobrado, gañou o concurso de
deseño de carteis en denuncia da violencia de xénero. Ademais de facer un
fermoso traballo en tea e cartón, Carmen é unha incansable muller traballadora
e unha activa feminista.
Parabéns en nome de todo o IES Gregorio Fernández!!
xoves, 11 de decembro de 2025
A Revolución francesa esqueceu á metade feminina da poboación
A Revolución
Francesa (1789) é o acontecemento máis importante dos últimos séculos, xa que
supón o punto de partida do derrubo efectivo do Antigo Réxime, no que o poder estaba
monopolizado polos estamentos privilexiados: a Igrexa e da nobreza, e o pobo chan
carecía dos dereitos humanos máis básicos. Porén, nos textos fundamentais que
deron cobertura ideolóxica a este proceso, como foi o caso da Declaración de
Dereitos do Home e do Cidadán, asentados sobre os principios da liberdade e
da igualdade como bases do novo estado liberal, deixouse fóra á metade feminina
da poboación.
Esta discriminación no asentamento dos chanzos da Idade Contemporánea, crearía
un perigoso antecedente de cara a instauración futura dos sistemas liberais
noutros estados, xa que era posible enunciar como principios básicos da
cidadanía a liberdade e a igualdade á par que as mulleres permanecían toda a
súa vida baixo a tutela dos varóns. Perpetuaríase así a idea tradicional de que
estas eran inferiores aos homes de maneira connatural, tanto desde o punto de
vista biolóxico e intelectual como moral, e que a súa liberdade de actuación era perigosa para a
estabilidade social.
Na aula do Ámbito Social do Módulo 3 da ESPA traballamos con dous documentos
que exemplifican os argumentaban que aportaban os revolucionarios franceses
para xustificar esta discriminación, escritos polos deputados
Amarat e Talleyrand e recollidos na obra de Paule Marie Duhet: Las mujeres y la revolución, 1789-1794 (1974).
“O home é forte, robusto, dotado de gran
enerxía, audacia e valor (...). Cales son as características peculiares que
definen á muller? Os costumes e a natureza mesma asignáronlle as súas funcións:
comezar pola educación dos homes, preparar a mente e o corazón dos nenos ás
virtudes públicas, encamiñalos desde a súa máis tenra infancia cara o ben (…).
Estas son as funcións que lles competen, ademais das súas labores caseiras (…).
Deben ser autorizadas en París as concentracións de mulleres agrupadas baixo a
etiqueta de Sociedade Popular? (…). A súa solución debe vir precedida por dúas
de tipo máis xeral, e que son as seguintes: 1. Poden as mulleres exercer
dereitos políticos e tomar parte activa nas tarefas de goberno? 2. Poden elas
deliberar, congregadas en asociacións políticas ou en Sociedades Populares? Con
respecto a eses dous interrogantes, o comité optou por unha negativa.”
“Non resulta evidente que a súa fráxil
constitución física, a súa predisposición por unha vida sosegada, as numerosas
obrigas da maternidade, sepáraas constantemente dos hábitos rudos, dos
traballos pesados, e as invita a dedicarse as ocupacións sosegadas e ás labores
do fogar? Como non darse conta de que o principio conservador das sociedades,
que instituíu a harmonía na división de poderes, foi expresado e como revelado
pola Natureza, cando distribuíu de tal sorte aos sexos unhas obrigas (...).”
Así mesmo, afondamos na figura dunha das primeiras feministas da Idade
Contemporánea, Olympe de Gouges (1748-1793) que, entre outras cousas, escribiu
a Declaración de Dereitos da Muller e da Cidadá (1791) como crítica da
exclusión das mulleres nas novas conquistas xurídicas. Desgraciadamente, ao
igual que outras mulleres que se desviaron dos roles tradicionais de xénero, foi
condenada á guillotina en 1793.
mércores, 10 de decembro de 2025
Máis actividades en loita contra a violencia de xénero!
Nos útimos días realizamos
do IES Gregorio Fernández diversas actividades vinculadas á loita contra a
violencia de xénero, arredor do Plan Proxecta+ “Donas de Si” ou do Programa
para o Impulso de Centros Referentes da modalidade de Proxectos de Inclusión
Educativa (PIE), nos que tamén contamos coa activa participación do Concello de Sarria.
A este respecto, a
proposta deste último, o noso alumnado de 1º e 2º da ESO asistiu á representación
teatral “Expectativa vs realidade”, do grupo Trémola Teatro. Igualmente, impartiuse
unha charla sobre a violencia de xénero a cargo de Noelia Míguez (para o alumnado de 3º
e 4º da ESO) e o encontro-debate titulado “Hai saída grazas a ti”, dirixido ao
alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.
Matematizando a Historia: as barreiras infinitas impostas ás mulleres
No IES Gregorio Fernández inauguramos unha exposición sobre as barreiras infinitas impostas ás mulleres galegas ao longo do tempo (e sobre...
-
Na conmemoración do Día da Poesía en Sarria (dedicado ao noso querido compañeiro Eduardo Rei) teremos este ano a sorte de contar coa prese...
-
Hoxe tivemos a sorte de contar no noso instituto coa presenza de tres xuíces/as e maxistrados/as galegos: Sandra Piñeiro Vilas, xuíza e ma...
-
Durante o século XVIII, a chegada da Ilustración —principalmente en Francia— daeu lugar á aparición de novas correntes de pensamento que col...




